Aberta a inscrición para os once cursos e obradoiros do Espazo de Fotografía en Santiago
Xa está aberto o prazo de inscrición para os once cursos e obradoiros do Espazo de Fotografía que se desenvolverán no Campus de Compostela entre novembro e maio a cargo do fotografo Fuco Reyes. O primeiro, de iniciación á fotografía dixital, comezará o 7 de novembro. Outros cursos son os de Fotografía dixital (nivel intermedio) no que se afondará nas técnicas fotográficas e elementos de composición dirixido a persoas que xa fixeron o curso de iniciación ou que xa posúen coñecementos; Obradoiro de composición fotográfica para aprender a desenvolver a mirada fotográfica a través de técnicas específicas de composición visual; Obradoiro de procesado de arquivos en formato RAW: Lightroom e Camera RAW, que abordará as técnicas básicas e avanzadas de negativos dixitais e revisión dos programas mencionados; e Obradoiro de manexo de Photoshop para procesado fotográfico. Completan o programa obradoiros de fotografía en branco e negro, de fotografía con flash, de fotografía nocturna, de creatividade e de retrato. Todos eles desenvolveranse ou ben na Fonoteca Universitaria do Campus Norte ou ben na Facultade de Xeografía e Historia en horario de 19:00 a 21:00 horas. Matrícula
As matrículas, que van desde os 33 euros para a comunidade universitaria e 55 euros de taxa xeral no obradoiro de menor duración ata os 66 euros para a comunidade universitaria e 99 euros de taxa xeral no máis extenso, poderanse formalizar nas oficinas da Área de Cultura da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua no Colexio de San Xerome. O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o comezo de cada curso ou ata que se cubran as prazas por rigorosa orde de inscrición.