Skip to main content

O musicólogo Llorenç Barber presenta este xoves en Lugo un libro que repasa a traxectoria musical e sonora española

O compositor e musicólogo valenciano Llorenç Barber presentará este xoves 29 ás 17:30 horas no Salón de Actos da Fundación Caixa Galicia de Lugo o libro La mosca detrás de la oreja: de la música experimental al arte sonoro en España.Esta obra fai un repaso pola traxectoria musical e sonora de España, abordando o tránsito dende o feito de concibir a música como recreo, virtuosismo ou soño, ata apreciala sen ter en conta o propio son ou o instrumento, senón valorando a situación que crea e todas as conexións que é capaz de xerar.
Este libro de Barber ven acompañado de catro CD’s con pezas de Pep Lopis, Orquestra das Nubes, Javier Maderuelo, José Luís Carles, Wade Matthews, Durán Vázquez e Josep María Balanyá.
Nesta presentación, incluída na programación da Área de Cultura da USC no Campus de Lugo, tamén intervirá a coautora do libro, Montse Palacios, co espazo-musical ‘Coser y cantar’.
Creador e innovadorLlorenç Barber, nado en Aielo de Malferit (Valencia) en 1948, é o músico, compositor, escenógrafo, director e mestre de cerimonias que introduciu o minimalismo musical en España e practica a voz difónica, a improvisación, a música plurifocal, a poesía fonética ou os concertos urbanos con campás.
En 1976 entra en contacto con músicos como John Cage, Mauricio Kagel ou Cristóbal Halffter e a súa calidade como compositor fai que, ao ano seguinte, a Fundación Juan March lle conceda a súa beca de creación, e o Ministerio de Cultura en 1978. Nese mesmo ano funda o Taller de Música Mundana do que saíron éxitos como Concerto para papel ou Ópera para papel.
En 1979 Llorenç Barber foi nomeado director da Aula de Música da Universidade Complutense de Madrid, dende a que organizou e dirixiu unha trintena de cursos de creación musical, centos de concertos e catro Festivais da libre expresión sonora. Da súa man aparece tamén o ‘eco grupo instrumental’, que traballa de xeito máis especializado unha serie de músicas de carácter minimalista.
Dirixiu o ENSEMS de Valencia, unha serie de actos de música alternativa, participou no Flatus Vocis Trío xunto a Fátima Miranda e Bartolomé Ferrando, e colaborou no programa ‘El mirador ‘ de TVE. Dende 1992 dirixiu ‘Paralelo Madrid- Outras músicas’ para logo integrarse ao ‘Festival Escena Contemporánea’ ata a actualidade.
Ao longo da súa traxectoria profesional participou nunha corentena de traballos discográficos, publicou numerosos libros e estudos, e ofreceu recitais en máis de 150 cidades de Europa e América. Os seus concertos enriquecéronse coo inclusión de tambores, canóns, sirenas, buques, fotos de artificio ou bandas de música distribuídas polo espazo. É así como xorde ‘Naumaquia’, un concerto- combate no que participaron dezanove buques da armada española ou o ‘Concerto dos sentidos’ no que tomaron parte 1.700 músicos.
No vindeiro mes de maio participará nun seminario organizado pola Facultade de Artes da Universidade de Chile e, en outubro, fará unha intervención con campás e canóns no porto de Valparaíso.

The contents of this page were updated on 04.28.2010.