Skip to main content

O ciclo Lubicán presenta en Lugo un dobre concerto de artistas galegos

Aló Irmao e o dúo composto por Marcos Teira e L.A.R. Legido serán os protagonistas do dobre concerto que este xoves 22 se poderá escoitar en Lugo no marco da terceira edición do programa musical Lubicán. Os recitais desenvolveranse a partir das 20:30 horas na Praza de Santa María. En caso de choiva, trasladaranse ao Círculo das Artes. A entrada é gratuíta.
O ciclo Lubicán, organizado por Lugo Cultural, pretende achegar ao público a música feita por grupos galegos de diferentes estilos e con diferentes formacións en recitais que se celebran os cuartos xoves de cada mes ata o vindeiro mes de xuño.
Marcos Teira e L.A.R. LegidoO dúo fará un percorrido polo repertorio flamenco de Marcos Teira (guitarra) adaptando e recreando, a partir dos orixinais, as músicas dos discos Alí e Punta Cabío. O son da guitarra estará acompañado da percutería, unha sorte de batería feita con instrumentos de percusión, que xa é en si mesma un resumo da linguaxe aberta que Luís Alberto Legido introduce neste novo universo flamenco.
A improvisación terá un papel destacado neste concerto, onde os novos arranxos do dúo permitirán ao público viaxar a novos e sorprendentes espazos sonoros.
Aló IrmaoOs músicos Fran Pérez ‘Narf’ e Manecas Costa presentan en Lugo o seu disco Aló Irmao, que gravaron en vivo no Teatro Principal de Santiago os días 16 e 17 de xuño de 2009, coa participación do percusionista mozambicano Celso Mahuie. Este traballo mistura sons galegos e africanos e aborda temas que preocupan socialmente como a emigración, o amor ou a propia humanidade.
Aló Irmao é o encontro creativo de dous artistas de traxectorias ben distintas que se atoparon nun camerino e sentiron un magnetismo musical inmediato. “Un día temos que facer unha canción”, prometéronse. Daquel primeiro encontro xurdiu un repertorio completo composto a catro mans, a medio camiño entre Compostela e Lisboa.

The contents of this page were updated on 04.21.2010.