Skip to main content

A USC imponlle a Insignia de Ouro ao profesor Rafael Tojo

O profesor da USC Rafael Tojo Sierra recibe este mércores a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago nun acto que presidirá o reitor Senén Barro Ameneiro. O acto de imposición da insignia ten lugar ás 19:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.
Ademais do reitor e do profesor Tojo, no acto intervirán a secretaria do Departamento de Pediatría da USC, Rosaura Leis; o catedrático da Universidade de Granada, Ángel Gil Hernández; o profesor da Escola de Saúde Pública da Universidade Johns Hopkins Boomberg, Benjamín Caballero; e o director do Departamento de Pediatría, Manuel Arturo Pombo. Assiet tamén ao acto o pediatra José Peña.
A traxectoria do profesor Tojo, catedrático de Pediatría, estivo sempre marcada pola súa preocupación pola nutrición da poboación española e por divulgar e informar sobre todos os valores nutricionais e culturais que achega a Dieta Atlántica. Profesor emérito da USC dende 2009, o seu traballo investigador céntrase na nutrición, especialmente no relativo á nutrición e metabolismo, obesidade, risco ateroxénico, alimentación e crecemento, nutrición escolar ou o bocio endémico en Galicia.
Na actualidade é membro do Grupo de expertos Estratexia NAOS e do Observatorio de Obesidade do Ministerio de Sanidade, da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) e asesor da Estratexia PASEA da Consellaría de Sanidade, así como patrón da Fundación da Dieta Atlántica da USC e membro do Consello Científico da Estratexia THAO de prevención da obesidade infantil.
Ao longo da súa carreira dirixiu 172 tesinas e traballos de investigación tutelados, así como 39 teses de doutoramento. Os seus traballos científicos poderían resumirse en máis de 200 publicacións en revistas nacionais e preto de cen en internacionais. Presentou 263 relatorios e comunicacións a Congresos e Reunións Científicas nacionais e máis de cen internacionais. Editou 52 libros e monografías e é responsable de 19 capítulos en libros nacionais e 20 internacionais.
No apartado da investigación, o doutor Tojo dirixe e colabora en varios proxectos de investigación da Unión Europea (EURONUT, EUROGROWTH), do Consello de Europa (CAICYT, CICYT, FIS) e da Xunta de Galicia. Tamén participa e dirixe proxectos con GALINUT, FEUGA e 27 proxectos coa industria.
O seu traballo investigador foi recoñecido cos premios Premio Galicia da USC e da Xunta de Galicia, ‘Investigación en Nutrición’ da Sociedade Española de Gastroenteroloxía e Nutrición Pediátrica, numerosos premios de investigación en Nutrición ‘Suárez Perdiguero’ da Sociedade de Pediatría de Galicia, ‘Barrié da Maza’ de Investigación da Real Academia de Medicina de Galicia, ‘Dr. Marañón’ ao mellor científico no campo da alimentación da Academia Española de Gastronomía, Premio ‘PRINCI’ de investigación científica sobre alimentación e calidade de vida e Premio de investigación Deputación de Pontevedra.

The contents of this page were updated on 05.18.2010.