Skip to main content

Nace en Galicia o Máster oficial en Arquitectura da Paisaxe

A área de Xeografía da Universidade de Santiago e a Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega presentaron hoxe na Facultade compostelá de Historia o novo programa do Máster de Arquitectura da Paisaxe adaptado ao Espazo Europeo de Educación Superior, e no que tamén participan a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña s a Escola Politécnica Superior de Lugo.
No acto participaron o decano da Facultade, Juan Monterroso, o director do Departamento de Xeografía, Francisco Durán Villa; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade Calvo; e a directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre de Urcola.
Este novo programa é unha transformación do anterior Título Propio da Universidade da Coruña e da Universidade de Santiago que promove e financia a Fundación Juana de Vega a través da Escola Galega da Paisaxe.
O máster abarca a planificación, análise e deseño da paisaxe, así como o que se refire á integración de proxectos de infraestruturas na paisaxe e iniciativas específicas de paisaxes urbanos e culturais. Abórdase ademais a execución e posterior mantemento, xestión, conservación e restauración da paisaxe, tanto pública como privada, no medio urbano, rural e forestal.
O programa académico estrutúrase en 16 materias cun total de 60 créditos ECTS que se reparten en dous cuadrimestres. Impartirase de luns a venres en horario de tarde na sede da Fundación Juana de Vega en Oleiros.
O máster está dirixido a arquitectos, biólogos, xeógrafos, xeólogos e enxeñeiros agrónomos, de montes, de minas e de camiños, canais e portos. Entre o claustro docente figuran arquitectos paisaxistas de países europeos con moitos anos de tradición nesta disciplina como Portugal, Reino Unido, Escocia e Holanda, ademais de profesionais do ámbito privado.

The contents of this page were updated on 05.25.2010.