Skip to main content

Clausúranse os cursos de lingua e cultura española para estudantes estranxeiros

Os cursos de lingua e cultura españolas para estudantes estranxeiros e de formación para profesores de español como lingua estranxeira organizados pola USC clausúranse na tarde deste venres, ás 19:00 horas no Salón Nobre do Pazo de Fonseca. O acto contará coa presenza do concelleiro de Relacións Institucionais do Concello de Santiago, Andrés Fariña Cadenas, e a xerenta de Cursos Internacionais da USC, Lanzada Calatayud Álvarez. Alí faráselles entrega dos diplomas acreditativos de español e concederanse os premios da 3ª edición do Concurso de Fotografía ‘Compostelando’, que ten como obxectivo recoller as imaxes que, desde o punto de vista dun estudante estranxeiro, reflictan a vida na universidade e cidade compostelá. O xurado deste galardón estivo composto pola concelleira de Educación, Mercedes Rosón; o vicereitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garballo; e a xerenta de Cursos Internacionais da USC. Alta valoración Ao longo de todo o mes de xullo, estudantes e docentes procedentes de 40 países dos cinco continentes asistiron a estes cursos, que contou cunha alta valoración pola súa parte salientando como puntos fortes a calidade docente, a oferta de aloxamentos, o programa cultural, a seguridade da cidade e a marcha compostelá. De feito, a maioría declara o seu interese por repetir e participar nunha próxima edición. Todos os participantes recibiron clases de lingua e cultura, e no caso dos profesores tamén de actualización didáctica e cultural do ensino do español. Ademais, tiveron a oportunidade de participar nun programa cultural que incluía diferentes visitas pola xeografía galega como o Camiño de Santiago, A Coruña e Rías Altas ou A Ría de Arousa, entre outras. Dos cursos é de destacar o traballo desenvolvido polos docentes estranxeiros de ensino secundario e primario que asistiron aos programas de formación para profesores de español como lingua estranxeira organizados por Cursos Internacionais en colaboración co Ministerio de Educación e as Embaixadas de España nos Estados Unidos, Canadá, Brasil, Marrocos e Europa.

The contents of this page were updated on 07.30.2010.