A USC asina un convenio de colaboración coa Luis Moya Rally School
O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, e o director da Luis Moya Rally School, Luis Moya, asinarán este xoves 6, ás 12:00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome, un convenio marco de colaboración para desenvolver programas docentes e proxectos de investigación e asesoramento mutuo. Á sinatura asistirá tamén o profesor do Departamento de Farmacoloxía da USC, Manuel Freire-Garabal.
Tamén o xoves, ás 18:30 horas no Salón de actos da Facultade de Medicina, terá lugar a inauguración do Ciclo de Conferencias ‘Na estrada e no amor, conduce con prudencia’ cuxa primeira sesión, titulada ‘A seguridade dos campións’, correrá a cargo de Luis Moya e Álvaro Louro, da Nupel Global Team, que serán presentados por Manuel Freire-Garabal, coordinador do curso.
O ciclo, catro conferencias a celebrar durante o mes de maio, pretende achegar información aos estudantes da USC sobre a condución segura desde diferentes puntos de vista como o da técnica de pilotaxe, a prevención, os elementos mecánicos e a atención en caso de accidente. Está patrocinado por Profilatex, marca de preservativos da multinacional galega Laboratorios Asociados Nupel, de aí o seu título.