Skip to main content

Comeza a traballar a Compañía de Teatro do Campus de Lugo

Os programas de formación teatral arrincan cun curso de malabares

A Compañía de Teatro do Campus de Lugo comeza a traballar o luns 2 de novembro co obxectivo de seguir a difundir a cultura teatral no eido universitario e, por primeira vez, baixo a dirección do actor lucense Alberte Cabarcos.
Este obradoiro de arte dramática desenvolverase na Aula de Teatro e Danza todos os luns e mércores dende novembro ata abril, e en horario de 20:30 a 23:30 horas. Nestas sesións, os membros da compañía teatral afondarán nas técnicas de expresión corporal e de interpretación.
O prazo de inscrición para entrar a formar parte da Compañía de Teatro do Campus de Lugo segue aberto, ata completar as súas 16 prazas. Tamén se amplía o prazo de matrícula nos cursos O actor e o seu corpo, danza barroca, iluminación, danza para nenos, malabares e movemento, fotografía analóxica e música, nas seccións electrónica e vocal, e tamén no monográfico Música e espazos.
Todos estes cursos impartiranse a partires do mes de novembro no campus lucense. O primeiro deles arrinca o luns 2. Trátase do curso ‘Malabares e movemento’ que imparte o profesor Celso Pereira Varela, e que pretende divulgar e demostrar a posibilidade de aplicar estas actividades circenses en diferentes ámbitos, mesmo mesturándoas coa danza contemporánea. Para acadar este obxectivo, os participantes traballarán a súa sensibilidade, a cooperación ou o control do propio corpo.
O curso de malabares terá lugar os luns e martes, dende novembro ata abril, en horario de 19:30 a 21:30 horas, no pavillón da Escola Universitaria de Formación do Profesorado.

The contents of this page were updated on 10.30.2009.