Skip to main content

Enrique Beotas pechou o curso do Master en Dirección e Xestión de Comercio Exterior da USC

Enrique Beotas pechou o curso do Master en Dirección e Xestión de Comercio Exterior da USC
Enrique Beotas pechou o curso do Master en Dirección e Xestión de Comercio Exterior da USC

O Master en Dirección e Xestión de Comercio Exterior da USC que organiza a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais finalizou este curso académico coa conferencia do xornalista e escritor Enrique Beotas titulada ‘A sexta provincia, un exemplo de Glocalidade ante un comercio globalizado’.
Na súa intervención, Beotas destacou a importancia no ámbito do comercio globalizado da sexta provincia galega, “a formada por galegos de nacemento ou de vocación, que manteñen o seu cordón umbilical con Galicia” xa que, dixo, “supoñen unha rede social de tremenda importancia para o desenvolvemento dos negocios internacionais”.
Para o xornalista Galicia deixou de ser “aquela terra de emigrantes pouco formados, a quen a necesidade económica obrigaba a saír en busca de mellores condicións de vida –o que sería a quinta provincia- para converterse en país exportador de talentos -a sexta provincia-”.
Ese grupo de galegos universais aos que se referiu Beotas, “que triunfaron profesionalmente nos máis diversos campos da vida social e económica, son un exemplo de como a globalización pode convivir cos valores propios dunha cultura tan ancestral como a galega”. Son eles, continuou, “un activo único e inimitable de Galicia”, que contribúe a crear unha imaxe “cada día máis moderna e positiva da nosa terra”, ao tempo que son “un cauce privilexiado para desenvolver vínculos e contactos de todo tipo entre todos os que comparten o vínculo de ser galegos de nacemento ou de corazón”.

The contents of this page were updated on 06.24.2009.