Skip to main content

O III Foro de Emprego da USC abre as súas portas este martes

O III Foro de Emprego da USC celebrarase este martes 24 e o mércores 25 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e o día 26 na de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, organizado pola Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, a través dos seus Servizos de Apoio ao Emprendemento e ao Emprego (SAEE).
A inauguración oficial do Foro celebrarase este martes 24 ás 13:30 horas na propia Facultade compsotelá, nun acto no que intervirán os vicerreitores de Comunidade Universitaria e Compromiso Social e de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, José M. Mayán e Máximo Pló, respectivamente; a directora xeral de Formación e Colocación, Ana Mª Díaz López; o concelleiro da Oficina de Promoción Económica do Concello de Santiago, Xosé Manuel Iglesias; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o xefe do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios, Xosé Luis Villar, o director do IGAPE, Joaquín Varela de Limia Cominges; o director de FEUGA, Francisco Javier Pereiro Pérez; e a decana da Ciencias Económicas e Empresariais, Maite Cancelo.
Empresas como Caixa Galicia, Caixanova, Indra, Deloitte, SPR Abogados ou Kiabi daranlle a oportunidade aos universitarios de deixarlles os seus currículos e de coñecer directamente o que estas firmas buscan nos seus candidatos. Concretamente, a empresa Kiabi vai desenvolver unhas dinámicas de grupo dentro do proceso de selección que ten actualmente aberto.
O III Foro de Emprego da USC conta co patrocinio da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da Deputación da Coruña. Ademais, a Oficina de Promoción Económica do Concello de Santiago e a Fundación ONCE participan como entidades promotoras. Salientar ademais a presenza neste evento do Concello de Lugo, o IGAPE, FEUGA e o INLUDES.
Durante o desenvolvemento do foro, tanto no campus de Santiago como no de Lugo, están programadas diversas conferencias e presentacións de empresas. Todas estas actividades están encamiñadas a proporcionar aos universitarios recursos de utilidade cara á súa incorporación ao mercado laboral.
Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á Área de Orientación Laboral no teléfono 981 563 100, extensións 12850 / 12851, no enderezo electrónico forodeemprego [at] usc.es (forodeemprego[at]usc[dot]es) ou na páxina web http://www.forodeempregousc.com/

The contents of this page were updated on 11.23.2009.