Skip to main content

O grupo Scimitar da USC, referente internacional no estudo interdisciplinar da interface gramática-discurso en inglés actual

Capacidade humana, organizativa e investigadora definen a traxectoria do grupo de investigación Scimitar (Santiago-Centred Milieu for Interactional, Typological and Acquisitional Research), único grupo do Departamento de Filoloxía Inglesa que, dende os seus inicios en 2002, posúe carácter interuniversitario e internacional, agrupando lingüistas de Europa e América.
Segundo a súa coordinadora, a catedrática Mª de los Ángeles Gómez González, Scimitar é o único grupo en Filoloxía Inglesa no ámbito da USC, e “probablemente no da Comunidade Autónoma e do territorio español”, que combina perspectivas teóricas e aplicadas na descrición da lingua inglesa. A traxectoria trazada por este grupo de investigadores convérteos, segundo a profesora Gómez, “nun referente internacional” no seu ámbito.
O grupo traballa na “exploración da interface gramática-discurso en inglés actual dende un enfoque interdisciplinario”, integrando presupostos da lingüística teórica con aproximacións propias da lingüística aplicada. Esta liña de traballo reportoulle numerosos proxectos de investigación autonómicos, nacionais, europeos e internacionais, posteriormente materializados en varias patentes e unha produción científica que inclúe vinte e tres libros, trece reseñas críticas e 114 artigos.
Integran o equipo cinco catedráticos entre os que se atopan tres prestixiosos lingüistas como son Christopher S. Butler (recentemente nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Gante), Lachlan Mackenzie e Mike Hannay, ademais de Mª de los Ángeles Gómez e Luis Iglesias Rábade, este último director do Departamento de Filoloxía Inglesa da USC e especialista en historia e cultura das lingua inglesa recentemente incorporado. O resto do equipo confórmano maioritariamente novos investigadores.

The contents of this page were updated on 07.17.2009.