O Plan de Formación para o PDI ofrecerá o vindeiro curso máis de 104 accións formativas
Os novos retos da educación universitaria e a diversidade e novidade das funcións e tarefas do profesorado derivadas da implantación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) son o punto de partida sobre o que se vertebra o Plan de Formación do Persoal Docente e Investigador da USC para o vindeiro curso 2009-2010. O reitor da USC, Senén Barro, presentou este mércores 8 o Plan de Formación nun acto no que estivo acompañado do vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló, e da coordinadora do Programa de Formación e Innovación Docente, Elisa Jato.
O Plan de Formación do PDI para o vindeiro curso prestará especial atención a aquelas funcións que os docentes están chamados a desenvolver pola implantación dun novo modelo educativo centrado na aprendizaxe do alumnado e orientado á adquisición de competencias.
Deste xeito, as liñas prioritarias de acción preocuparanse de ofrecer recursos ao profesorado que favorezan a planificación docente para a aprendizaxe autónoma e o traballo por competencias; as estratexias e metodoloxías centradas na aprendizaxe cooperativa, a aprendizaxe baseada en proxectos e as técnicas de comunicación e participación na aula; a avaliación continua do proceso de aprendizaxe; a creación e emprego de recursos a través das TIC; ou o desenvolvemento profesional do profesorado no ámbito das competencias sociais e persoais, os idiomas, a investigación e a xestión.
As diferentes actividades de formación continua desenvolveranse de xeito presencial, semipresencial ou en liña, agrupadas en itinerarios formativos nos que o profesorado universitario se achegará a cuestión de planificación docente, estratexias de ensino-aprendizaxe, avaliación das aprendizaxes, titoría, TIC aplicadas á docencia ou desenvolvemento profesional. No seu conxunto, a oferta formativa profunda en accións xa emprendidas en cursos pasados e incorpora outras novas, cun total de 104 cursos a impartir en Santiago e Lugo.
Seminario sobre o EEESDe xeito complementario a esta oferta deseñouse tamén un seminario permanente sobre o EEES comprendido como un espazo de formación e intercambio de experiencias centrado en temáticas específicas e na difusión de boas prácticas.
En 2009-2010 estará dedicado á ‘Formación por competencias na universidade: unha oportunidade para a innovación docente’ e celebrarase o 23 de setembro. O seu programa inclue dúas conferencias, a cargo de Amparo Fernández March, da Universidade de Valencia, e de Antonio Rial, da USC, e tres obradoiros nos que se tratarán a planificación por competencias, o deseño de actividades baseadas en competencias e a avaliación por competencias. Completando as actividades a desenvolver neste seminario celebraranse unhas conversas sobre ‘Experiencias en innovación por competencias: retos e dificultades’ coa participación dos profesores Celso Rodríguez, Salvador Carrasco e Abertina Oliveira.
Plan de Formación a DemandaCo obxecto de contextualizar e adaptar á formación ás necesidades específicas dos centros, a USC impulsa ademais un Plan de Formación a Demanda, iniciativa de formación permanente destinada a recoller as accións do PDI propostas polos centros.
Con esta acción preténdese estimular a participación na formulación de accións de formación no ámbito da docencia, a investigación e a xestión de cara a contribuír á estratexia de mellora da calidade docente e investigadora do profesorado. Dúas das súas principais ferramentas serán a concesión de axudas económicas para o desenvolvemento de actividades e o recoñecemento de accións de formación do PDI.
Rexistro de Grupos de InnovaciónA USC pon en marcha, segundo indicou o reitor compostelán, un rexistro de grupos de innovación docente que permitirá a constitución e o rexistro daqueles grupos de profesores que desenvolvan accións dirixidas á formación, á innovación e á mellora da docencia universitaria.
EnquisaPara a adecuación deste plan ás necesidades reais do colectivo docente, a USC desenvolveu unha enquisa que recolle e identifica as percepcións do profesorado sobre as súas necesidades de formación e sobre cuxos resultados tamén se dará conta. Nela achegaron as súas opinións 301 docentes, representando aos dous Campus, maioritariamente das áreas de Ciencias Sociais e Xurídicas e de Ciencias Experimentais, e seguido de Ciencias da Saúde (17,1 por cento), Humanidades (15,4) e Ensinanzas Técnicas (10,4).
O plan presentado forma parte do Programa de Formación e Innovación Docente da USC, que dende 2004-2005 e ata o presente curso desenvolveu 418 accións formativas cunha oferta de 9.986 prazas de formación e unha taxa de ocupación media do 76,8 por cento. “É unha mostra evidente do compromiso do noso profesorado coa mellora permanente”, subliñou Barro.