Clausúrase este xoves na EPS a cuarta edición do curso de posgrao sobre xestión de residuos agrogandeiros e industriais
A cuarta edición do curso de posgrao para formación continua ‘Xestión de residuos xerados nas explotacións agrogandeiras e nas industrias agrarias de transformación’, organizada polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), remata este xoves 2 na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo.
O acto de clausura comezará ás 18:30 horas, coa intervención do Subdirector Xeral de Calidade Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Fernando Asperilla Pinilla; e do responsable da xestión de residuos agrarios da Consellería do Medio Rural, José Jesús García González, que falarán das perspectivas de futuro do Plan de Residuos Agrarios de Galicia.
O temario do curso centrouse principalmente na problemática dos residuos agrogandeiros como os puríns, os estercos sólidos, os efluentes e os residuos non valorizables agronomicamente, así como os agroindustriais. A recuperación dos solos degradados, o marco legal da xestión destes residuos e a reutilización en terreos agrícolas de residuos alleos ás explotacións, completaron o programa.