José Ángel Docobo, novo presidente da Comisión de Estrelas Dobres e Múltiples da Unión Astronómica Internacional
O director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, pasa a ocupar durante os vindeiros tres anos a presidencia da Comisión de Estrelas Dobres e Múltiples da Unión Astronómica Internacional (IAU). A designación formalizouse no transcurso da Asemblea Xeral deste organismo en Río de Janeiro.
A IAU, fundada hai 90 anos, é o organismo internacional que coordina mundialmente a investigación astronómica profesional. Está constituída por 12 Divisións subdivididas á súa vez en 40 Comisións, sendo a 26 a de Estrelas Dobres e Múltiples e na que o fundador do Observatorio da USC, Ramón María Aller, fora o primeiro español membro. Na actualidade intégrana mais de 200 astrónomos profesionais dos cinco continentes.
Esta é a primeira vez que un astrónomo galego accede á presidencia dunha Comisión da IAU. O profesor Docobo fora elixido por votación vicepresidente en 2006, pasando automaticamente, segundo as normas oficiais, á presidencia ao cabo de tres anos de acordo coa periodicidade das Asembleas Xerais da IAU.
O profesor Vakhtang Tamazian, pertencente tamén o grupo de investigación do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, formará así mesmo parte do equipo directivo da Comisión 26 tras ser elixido por votación membro do seu Comité Organizador para o período 2009-2015.
José Ángel DocoboJosé Ángel Docobo Durántez licenciouse con grao na USC en 1973 e doutorouse na Universidade de Zaragoza en 1977, onde exerceu a docencia e a investigación desde 1973 a 1981. En 1978 obtén a praza de profesor adxunto numerario na Universidade de Barcelona pero inmediatamente se traslada a Santiago de Compostela para facerse cargo da recuperación física e científica do Observatorio Astronómico da USC. Dende 1983, cando organiza en Compostela a IV Asemblea Nacional de Astronomía e Astrofísica, o mencionado Observatorio toma o nome do seu fundador, Ramón María Aller.
Tras a súa incorporación ao Observatorio compostelán en 1981 preocupouse de que se reanudaran as observacións na estación meteorolóxica e dende entón disponse a cotío de datos dos distintos parámetros atmosféricos de Santiago de Compostela. Dende esa data é centro colaborador da Axencia Estatal de Meteoroloxía. En 1987 e tras un acordo con dita Axencia, o Observatorio, referencia mundial na especialidade das estrelas dobres e múltiples, incorporou unha estación meteorolóxica automática.
De entre as súas múltiples investigacións e publicacións cómpre destacar a elaboración dun método orixinal de cálculo de órbitas de estrelas dobres co que se determinaron en distintos países máis de 250 órbitas.
Director do equipo de investigación do Observatorio Astronómico Ramón María Aller con status de excelencia concedido pola Xunta de Galicia en 2001, ten xestionado a incorporación e promoción de persoal docente investigador así como de persoal de apoio á investigación, bolseiros e investigadores, ao tempo que puxo ao dia a biblioteca do Observatorio, unha das máis completas do estado na súa especialidade.
Na actualidade está acreditado como catedrático de Universidade na Área de Astronomía e Astrofísica na USC. Ten publicado mais de duascentas contribucións científicas, gran parte delas en revistas astronómicas ïnternacionais incluídas no JCR como Celestial Mechanics, Astronomy and Astrophysics, The Astronomical Journal, The Astrophysical Journal, Publications of the Astronomical Society of the Pacific, Acta Astronomica, Revista Mexicana de Astronomía y Astrofísica, Astronomische Nachrircten, Astronomy Letters e Astrophysics, Meteoritics and Planetary Science.Docobo é ademais membro fundador da Sociedade Española de Astronomía (SEA) e referee para revistas astronómicas internacionais como The Astronomical Journal, The Astrophysical Journal, Celestial Mechanics, Baltic Astronomy ou Astronomy and Astrophysics.
Dende 2005 é Académico Correspondente da Real Academia de Ciencias de Zaragoza e impulsor de gran número de programas e actividades de divulgación científica no eido da Astronomía.