Skip to main content

Clausurouse o curso 'As literaturas infantís e xuvenís ibéricas, A súa influencia na formación lectora'

O acto de clausura e entrega de certificacións do VI Curso de Formación As literaturas infantís e xuvenís ibéricas, A súa influencia na formación lectora que, co tema específico ‘Poesía infantil e xuvenil. Século XXI’, se celebrou na Biblioteca Fundación Caixa Galicia dende o pasado luns 7 de setembro, clausurouse este xoves.
O acto, presidido polo vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló, contou coa participación do presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez; do director do Departamento de Filoxía Galega, Francisco Cidrás; da directora do curso, a profesora Branca-Ana Roig, e do director da Biblioteca Fundación Caixa Galicia, Pedro Lucas.
O vicerreitor destacou a importancia e interese dos contidos tratados neste curso, que complementa os ofrecidos pola formación regrada nos plans de estudo da USC. Sinalou tamén o valor que tiña a continuidade do curso e o alto índice de participación de alumnado, non só da USC, senón doutras universidades galegas así como de profesionais do ensino e das bibliotecas. Agradeceu o apoio na organización á Asociación de Escritores en Lingua Galega, que permitía contar nesta parte presencial do curso cun amplo número de escritores e escritoras galegos e tamén do resto do marco ibérico.
O Presidente da AELG mostrou a súa satisfacción polo desenvolvemento da presente edición do curso e comprometeu a participación da Asociación na organización para o próximo ano.
A poesía infantilPrevio a este acto de clausura, e da man do editor Manuel Bragado (Edicións Xerais de Galicia) e da profesora María Xesús Nogueira, tivo lugar a presentación do libro A poesía infantil no século XXI (2000-2008). Esta publicación recolle un amplo número de traballos realizados polos membros da Rede Temática de Investigación ‘As Literatura Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano’ e outros investigadores convidados, baixo a coordinación de Blanca-Ana Roig, Isabel Soto e Marta Neira, que amplían os aspectos tratados neste curso de formación, tanto na súa parte virtual como na presencial.

The contents of this page were updated on 09.11.2009.