Cen anos da Exposición Rexional Galega en Compostela
No verán de 1909 Santiago viviu un acontecemento sen precedentes na historia de Galicia como foi a Exposición Rexional Galega, que acolleu máis de 600 instalacións situadas en once pavillóns nas que se expuxeron dez mil pezas de arqueoloxía, obras de arte e historia.
Hoxe, cen anos despois, o Colexio de Fonseca acubilla unha mostra na que se recuperan do esquecemento 44 imaxes moi singulares, a maior parte obtidas por Manuel Chicharro (A Coruña, 1849 – Santiago, 1924), e rescatadas de diversos fondos arquivísticos e hemerográficos.
Os documentos expostos dan conta dun tempo pasado que permitirá descubrir pavillóns de traza modernista, unha sección arqueolóxica que constituíu o primeiro estudo da riqueza artística de Galicia e unha altísima participación cidadá e institucional (a mostra inaugurouna o rei Alfonso XIII).
1909 era tamén o primeiro Ano Santo do século e polo recinto da Exposición, instalado ao sudoeste da Alameda e no Colexio de San Clemente, pasaron en cinco meses máis de 53.000 persoas, o dobre da poboación da cidade naquel momento. Do ambicioso proxecto quedou en pé só un edificio.
Inauguración‘Santiago, 1909. Centenario da Exposición Rexional Galega’ inaugúrase este xoves 10 ás 20:00 horas coa presenza da vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo; o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo da Xunta de Galicia, Ignacio Santos; e o comisario da mostra, Henrique Alvarellos.
A exposición poderá visitarse ata o 18 de outubro de martes a sábados en horario de 11 a 14 e de 17 a 20:30 horas e os domingos e festivos en horario de mañá.