Skip to main content

O equipo 'Malo será' gañou a II edición do Maratón Empresarial Universitario

O vicerreitor adxunto Agustín Merino fixo entrega, xunto co alcalde e a concelleira de Economía, do premio ao equipo gañador
O vicerreitor adxunto Agustín Merino fixo entrega, xunto co alcalde e a concelleira de Economía, do premio ao equipo gañador
O vicerreitor adxunto Agustín Merino asistiu á entrega dos premios en representación da USC

A empresa ficticia ‘Malo será’ foi a gañadora da II edición do Maratón Empresarial Universitario, que organiza a Concellaría de Emprego, que dirixe Sonia Méndez, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.
O equipo, composto por catro mozos estudantes de Administración e Dirección de Empresas, obtivo un beneficio que se aproxima ao millón e medio de euros. A clave para logralo foi arriscar e ofrecer ao mercado un produto novo sen competencias e foi valorado polas súas ideas claras e ter fixados dende o principio os pasos a seguir.
Os cinco equipos participantes -Malo será, Activa 1, Hermes, Ade, Cafeca- partían coas mesmas posibilidades e a súa actividade foi a fabricación de produtos non perecedeiros. Os gañadores, que viaxarán a Londres como premio, son catro rapaces de Lugo e Ourense: José Luis Ramos Barrio, Borja Ruíz Castro, Adrián Estévez Gayoso e José Rodríguez Losada. Recibiron o premio no Centro de Empresas e Innovación (CEI) de mans do alcalde de Lugo, José López Orozco, que estivo acompañado pola concelleira de Emprego, Sonia Méndez e polo vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Agustín Merino.
Na primeira fase, celebrada o 21 e 28 de febreiro, a competición estivo moi disputada e os 22 rapaces e rapazas que competiron empregáronse a fondo na definición das súas estratexias sobresaíndo xa daquela o traballo de Malo será.
O Maratón é un concurso por equipos integrados por alumnas e alumnos universitarias do último ou penúltimo curso da súa carreira. O obxectivo é realizar unha simulación de xestión empresarial a través dun programa informático no que, competindo entre equipos, os participantes testaron a súa capacidade para xestionar o funcionamento global dunha empresa.

The contents of this page were updated on 03.14.2008.