Skip to main content

Senén Barro asiste en Barcelona á Conferencia de Primavera da Asociación Europea de Universidades

O sábado tamén na cidade condal participa na reunión da xunta directiva de Columbus

O reitor da Universidade de Santiago atópase estes días en Barcelona para asistir á Conferencia de Primavera 2008 que promove a Asociación Europea de Universidades. Nesta xuntanza están a participar más de trescentos representantes de institucións universitarias e das conferencias nacionais de reitores. Senén Barro participará ademais na asemblea xeral da asociación que se celebrará este venres, día 28.
Nesta ocasión, baixo o título ‘O goberno das universidades europeas máis aló de 2010’ falarase da necesidade de realzar hoxe, en pleno proceso de globalización económica e do coñecemento, a misión e funcións das institucións educativas. Preténdese así avanzar no discurso da responsabilidade social a partir da optimización da eficacia e da eficiencia das institucións de ensinanza superior.
ColumbusSenén Barro permanecerá na cidade condal ata o sábado 29 para asistir á reunión da xunta directiva de Columbus, rede de cooperación universitaria entre institucións de educación superior europeas e latinoamericanas creada en 1987. A xunta directiva está integrada por oito membros designados pola asemblea xeral por un período de dous anos a razón de catro membros europeos e outros tantos de universidades latinoamericanas. Na actualidade, xunto ao reitor compostelán integran este órgano representantes de Alemaña, Arxentina, Chile, Colombia, Italia, México e Portugal.
O obxectivo principal de Columbus é a promoción do desenvolvemento institucional e a cooperación multilateral para axudar ás universidades a responder aos desafíos relacionados coa escaseza de recursos, a masificación, as demandas de diversificación ou a internacionalización.

The contents of this page were updated on 03.27.2008.