O programa A ponte entre o Ensino Medio e a USC iniciase este xoves en Lugo cunha charla no María Sarmiento de Viveiro
O Campus de Lugo dará comezo ás charlas informativas do programa ‘A ponte entre o Ensino Medio e a USC’ para o curso académico 2007/2008 este xoves, día 7, no Instituto María Sarmiento de Viveiro, ás 10:20 horas. Esta primeira charla estará a cargo da profesora da Facultade de Ciencias María Isabel Fernández García.
Está previsto que asistan a esta primeira charla un total de 50 alumnos de segundo curso de Bacharelato, que recibirán unha completa información sobre a oferta educativa da USC, así como sobre os servizos e axudas que se ofertan actualmente, entre os que se citan as bolsas e residencias universitarias. Os asistentes recibirán tamén material sobre a Universidade e realizarase unha sondaxe para coñecer os seus coñecementos sobre a USC.
Nesta nova edición do programa A ponte están previstas un total de 30 charlas en distintos centros de Ensino Secundario da provincia, tanto na Mariña, como no Sur, pasando polas zonas de Montaña, a Terra Chá e a propia capital. En total, colaboran nas charlas 15 profesores do Campus de Lugo (das facultades de Administración e Dirección de Empresas, Ciencias, Humanidades, Veterinaria e da Escola Politécnica Superior), 4 do Campus de Santiago, un representante do Persoal de Administración e Servizos e os vicerreitores de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, e o de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto. O vicerreitor lugués estará o próximo luns 11 no centro Galén e o mércores no Xoán Montes mentres que o santiagués visitará o Dionisio Gamallo Fierro de Ribadeo en marzo.
As charlas celebraranse todas ata primeiros de abril. Paralelamente, os días 26 e 27 de febreiro e o 23 de abril o Campus de Lugo recibirá a visita dos estudantes de Secundaria de Lugo, para coñecer as instalacións universitarias guiados por profesores.
O programa A ponte continuará no mes de maio con charlas coas asociacións de pais e nais destes centros de ensino.