Arranca a programación académica do curso de posgrao en 'Economía e Xestión da Innovación'
O curso de posgrao en ‘Economía e Xestión da Innovación’ inaugurarase este xoves 14 no transcurso dun acto académico que se vai celebrar a partir das 16:30 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. Nel está prevista a asistencia do director xeral de I+D+i da Xunta de Galicia, Salustiano Mato, xunto ao director do curso e catedrático de Economía Aplicada, Xavier Vence.
Este posgrao ten como obxectivo profesionalizar e aumentar a capacidade de organización e xestión eficiente dos recursos dedicados á innovación e á creación de coñecemento relacionado co deseño de proxectos de investigación, e a xestión dos seus resultados científico-tecnolóxicos. Ademais, esta proposta formativa tratará de contribuír ao fortalecemento do sistema de innovación mediante a formación de especialistas na xestión da investigación e da innovación.
Este posgrao diríxese a licenciados, enxeñeiros e diplomados e inclúe un programa articulado en cinco módulos temáticos sobre economía da innovación, sistemas de innovación e política científica e de innovación, xestión da investigación, xestión da innovación na empresa e creación e financiamento de empresas de base tecnolóxico. As clases comezarán o venres 15, nunha sesión prevista para as 16:30 na aula 18 da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.