Skip to main content

A EPS convoca un premio para distinguir ao mellor proxecto fin de carreira entre os titulados en Enxeñaría de Montes

O gañador do certame Bernardo de la Torre recibirá 600 euros

A Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, en colaboración coa Asociación e Colexio de Montes de Galicia, vén de convocar a primeira edición do Premio Bernardo de la Torre, que recoñecerá o mellor traballo fin de carreira nesta especialidade.
Nesta primeira convocatoria, poden presentarse todos os titulados en Enxeñaría de Montes na EPS que teñan unha cualificación mínima de Notable no seu proxecto fin de carreira nas convocatorias de abril, xuño, setembro e novembro de 2007 e na de febreiro de 2008.
Un único proxecto será premiado, que recibirá 600 euros e un diploma acreditativo. Os traballos seleccionaranse en función da súa calidade de contido, viabilidade técnica e económica e do interese para o sector forestal e medioambiental. Valorarase preferentemente a innovación e actualidade nos temas tratados, a concepción xeral do proxecto, a análise de alternativas estudadas, a aplicación de tecnoloxías actuais ás solucións propostas e o interese económico do proxecto.
O prazo de presentación de traballos remata o día 3 de marzo, ás 14:00 horas, e esta debe realizarse na Secretaría da Escola Politécnica Superior mediante escrito de solicitude acompañado dun exemplar do proxecto.
A finalidade do premio é promover o perfeccionamento profesional dos estudantes da EPS que cursaron as ensinanzas de Enxeñeiro de Montes, en especial naqueles que achegan nos seus traballos fin de carreira valores de creatividade e aplicación á profesión.
O xurado do premio estará composto polo decano e polo secretario da Asociación e Colexio de Enxeñeiros de Montes de Galicia, dous colexiados e dous enxeñeiros de Montes da EPS. A entrega do premio terá lugar durante a celebración do Día Forestal Mundial 2008, a finais do mes de marzo.

The contents of this page were updated on 02.20.2008.