Skip to main content

A Rede UNISIC mantén esta semana na Universidade de Santiago o seu primeiro encontro de traballo

A Facultade de Ciencias da Educación situada no Campus Sur de Santiago acolleu o primeiro encontro de traballo da Rede UNISIC
A Facultade de Ciencias da Educación situada no Campus Sur de Santiago acolleu o primeiro encontro de traballo da Rede UNISIC

Profesores universitarios e profesionais da educación que traballan e investigan nos desafíos que para a universidade representa o seu emprazamento no seo da sociedade do coñecemento crearon recentemente a Rede UNISIC (Universidade para a Sociedade do Coñecemento), que coordina a USC.
Desde este luns 26 e ata o día 30, a Facultade de Ciencias da Educación (Campus SUR) acolle o primeiro encontro de traballo desta Rede no que se pretende iniciar o seu lanzamento como un referente para a formación e a investigación na Universidade, consensuar eixes de traballo comúns con marcos de referencia propios e construír e contextualizar os proxectos da REDE e analizar as súas perspectivas de futuro.
Á xuntanza, ademais dos membros do Grupo Stellae da USC, asisten profesores das diversas Universidades que forman parte da rede como son a Nacional de Córdoba (Arxentina), a Autónoma Autónoma Juan Misael Saracho (Bolivia), a Universidade San Francisco Xavier (Bolivia), e a de Los Lagos (Chile).
A sala de xuntas da facultade acolleu esta mañá o acto inaugural, que contou coa presenza do decano do centro, Lois Ferradás, o vicedecano Suso Rodríguez, e os profesores Lourdes Montero, Adriana Gewerc e Eulogio Pernas.
Rede UNISICA Rede UNISIC xurde nun grupo de universidades iberoamericanas preocupadas pola chamada sociedade do coñecemento. O conxunto de profesionais que se agrupan nela entenden que son insuficientes as respostas que se dan a esta problemática na maior parte das institucións públicas. Para estes expertos, estas respostas “están atravesadas” pola inclusión dunha variante “virtual” nas ensinanzas que se veñen desenvolvendo “ou na adopción dalgún sistema de educación a distancia coa utilización das tecnoloxías da información e a comunicación”. Opinan estes profesionais que estas respostas son parciais “na medida en que enfrontarse aos retos impostos require repensar as propostas de formación que se desenvolven nas institucións de educación superior e adaptar a súa organización e ensinanza aos novos entornos”.
Neste contexto, a rede traballa en dous proxectos financiados pola Axencia Española de Cooperación Iberoamericana que se propoñen indagar sobre as posibilidades, dificultades e límites aos que se enfrontan as Universidades cando pretenden encarar os desafíos que impón a sociedade do coñecmento. Ademais, foméntase a formación de especialistas coa idea de formar grupos estables que poidan continuar co desenvolvemento de propostas pertinentes e viables en cada contexto.

The contents of this page were updated on 03.26.2007.