Alumnos da Facultade de Ciencias promoven as III Xornadas de Divulgación Científica

Alumnos da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo organizan durante esta semana as III Xornadas de Divulgación Científica e Tecnolóxica que pretenden dar a coñecer o labor investigador que levan a cabo os profesores do campus. O vicerreitor de Coordinación, Carlos Herrero Latorre, foi o encargado da inauguración destas xornadas no Salón José Rodríguez Mourelos, acompañado polo decano da Facultade, Francisco Fraga, e pola representante dos alumnos, Margarita Rei Feijó. Carlos Herrero foi tamén o encargado do relatorio inaugural que versou sobre as aplicacións aos alimentos da quimiometría.
A continuación foi a quenda do decano do centro Francisco Fraga quen dedicou o seu relatorio aos envases alimentarios, seguido das profesoras Elena Labisbal e Laura Rodríguez coa súa conferencia sobre ‘Actividade Biolóxica de Complexos Metálicos con líquidos’. Xa pola tarde, ás 18:00 horas, o docente Óscar Roibás López falará sobre as novas tendencias no tratamento de augas residuais seguido polas Enxeñeiras Técnicas Industriais, Eva Carolina Váquez Barreiro e Lucía López Arias, que disertarán sobre o ‘Estudo cinético do curado do sistema epoxídico de BADGE/IPD mediante espectroscopía infravermella e DSC’. Pechará o programa do primeiro día Sofía Pérez Fórneas falando sobre a ‘Caracterización calorimétrica de poli (-ε-caprolactona) modificada con polietilglicol e con poli (vinil alcohol)’.
Para o martes 24, os relatorios previstos comezan ás 9:00 horas co do profesor Antonio Rigueiro sobre o bosque galego, e a continuación José Vázquez Tato explicará diferentes técnicas para aprender a ler. Ás 12:00 horas será a quenda de Gerardo Pereira coa súa conferencia titulada ‘Gaia sobrevivirá pero... ¿e vós?. Pecha o programa deste día Marcelino Maneiro Maneiro quen falará sobre catalizadores biomiméticos.
No último días destas xornadas inclúense novos relatorios dedicados a diversos temas como os microondas, as plantas de augas residuais, ou a química do manganeso, entre outros. Ademais dos relatorios os alumnos da Facultade de Ciencias teñen preparadas outras actividades complementarias como son unha exposición de traballos na entrada do centro e unha excursión a unha empresa do sector.