Skip to main content

Un seminario sobre información xeográfica reúne no CACTUS de Lugo a especialistas estadounidenses, portugueses e españois

O Sistema de Información Territorial da Universidade de Santiago (SIT) e a Rede Galega de Investigación en Información Xeográfica (REDIX) celebrarán dende este martes 4 e ata o día 17 un seminario sobre ‘Sociedade da Información e Información Xeográfica’, que se desenvolverá no CACTUS do Campus de Lugo.
O seminario inclúe unha serie de conferencias e unha videoconferencia nas que interveñen especialistas nacionais e estranxeiros. O obxectivo desta acción formativa é achegar a información cartográfica á sociedade en xeral e en particular á comunidade académica, como un servizo existente como apoio nas investigacións e estudos.
A primeira das intervencións, ás 12:00 horas do martes, estará a cargo de Lluis Colomer i Alberich, subdirector xeral técnico do Institut Cartogràfic de Catalunya, co título ‘IDEs y Geoinformación: la experiencia de Cataluña’. A viodeoconferencia será con Tim Nyerges, da Universidade de Washington, o mércores ás 17:00 horas, co título ‘Public Participation GIS. Refections on and Directions for PPGIS Research’.
Os relatorios retomaranse o día 13, ás 19:00 horas, a cargo de Ian Gregory, da Universidade de Lancaster, que falará destes sistemas de información xeográfica aplicados á historia.
O seminario rematará o día 17 con dúas intervencións. Ás 12:00 horas o subdirector xeral do Instituto Xeográfico Portugés, Rui Pedro Juliao, falará do desenvolvemento dunha infraestructura de datos neste país. Seguidamente, o subdirector xeral de Aplicacións Xeográficas do Instituto Xeográfico Nacional, Sebastián Mas Mayoral ofrecerá un relatorio sobre a infraestrutura de datos espaciais de España (IDEE) no contexto da Directiva Europea INSPIRE.
Todas as charlas deste seminario, que está cofinanciado pola Consellaría de Innovación e Industria, terán lugar no edificio CACTUS.

The contents of this page were updated on 12.03.2007.