Skip to main content

O ciclo sobre a muller como elemento innovador da Ciencia continúa o luns con experiencias innovadoras na docencia da matemática

A profesora Elena Vázquez explicará métodos numéricos para coñecer o movemento da auga en diferentes contextos xeográficos e de aplicacións

O ciclo de conferencias sobre a muller como elemento innovador da Ciencia que, organizada pola Real Sociedade Matemática Española (RSME), se inaugura este venres pola tarde na Facultade de Matemáticas continuará o luns, día 17, coa exposición de experiencias innovadoras na docencia da matemática. Intervirán a profesora Aia Rodríguez, do IES de Salvaterra do Miño, e a profesora da USC Elena Vázquez Cendón.
Comezará ás 16:30 horas Aia Rodríguez relatando unha experiencia que xurdiu no primeiro cuadrimestre do curso pasado ao traballar cun grupo de alumnos de Educación Secundaria de Adultos e observar que mostraban unha actitude pasiva ante os contidos que se lles presentaban nas distintas materias, entre elas a matemática. Esta situación motivou á relatora para intentar poñer en funcionamento, durante o segundo cuadrimestre, unha nova metodoloxía didáctica e comprobar, por unha parte se os alumnos se implicaban máis nas tarefas, e, por outra, se adquirían os contidos fundamentais da materia para ese nivel.
A nova metodoloxía, segundo explicará na charla, centrouse na elaboración dun contrato didáctico, a realización de traballos en grupo e a utilización predominante de ‘competencias’ (en termos da nova lei de educación) co fin de darlle unha maior funcionalidade aos contidos da materia. Deste xeito, comezou o segundo cuadrimestre cun único obxectivo: calcular a cantidade de pintura necesaria para pintar o instituto pontevedrés.
As matemáticas da augaPola súa banda, a profesora Elena Vázquez presentará na súa conferencia ás 18:00 horasas contribucións que dende o grupo de investigación de Modelización en fluxos hidrodinámicos da USC leva liderando nos últimos anos, coa metodoloxía de volumes finitos. Dende un punto de vista divulgativo, conectará a innovación matemática achegada coas aplicacións que a motivaron e a validación experimental ou analítica da mesma. Detallarase tamén a conexión cos diferentes grupos multicisciplinares que contribuíron a desenvolver ou aplicar as diferentes achegas.
Segundo comentará na súa charla, os problemas estudados teñen como denominador común a obtención de métodos numéricos para coñecer o movemento da auga en diferentes contextos xeográficos e de aplicacións: as correntes de mareas nas rías galegas, o impacto de roturas de presas para identificar preventivamente as posibles zonas anegadas –dende un contexto europeo–, a rotura de ondas na praia, a análise das correntes nos Lombos do Ulla sobre as poboacións de berberechos ou, finalmente, o comportamento hidrodinámico das escalas de peixes, que son unhas estruturas hidráulicas que lles permiten remontar os encoros ás especies que habitan nos ríos.

The contents of this page were updated on 12.14.2007.