A USC impulsa unha liña de axudas para garantir o acceso a Internet de todo o seu alumnado

A suspensión do cobro das cotas a todos os beneficiarios do Sistema Universitario de Residencias é unha das medidas que acaba de aprobar a USC para facer fronte á crise do COVID-19. Esta actuación manterase mentres dure esta situación excepcional de suspensión da actividade docente presencial, e abrangue asemade as cotas doutros servizos de extensión universitaria que se atopan suspendidos. Neste senso, a institución compostelá dará luz verde nos vindeiros días á creación dunha liña de axudas cuxo obxectivo principal será garantir a conexión a Internet do alumnado para que poda seguir a docencia en remoto.
A creación dunha Oficina Virtual de Atención para dar mellor servizo a toda a comunidade universitaria, onde se atenderán demandas de información por vía telefónica, correo electrónico e WhatsApp, é outra das medidas adoptadas. Ademais do sitio web habilitado para toda a información relacionada coa USC no marco da crise do COVID-19, creouse tamén, de xeito específico, unha páxina web de Preguntas Frecuentes que está sendo actualizado de maneira constante para que os membros da comunidade da USC estean permanentemente informados.
Docencia
No ámbito da docencia, a USC acaba de aprobar unha resolución reitoral que sinala a necesidade de adaptación das guías docentes a esta situación excepcional de suspensión da docencia presencial. As modificacións referidas aos procesos de avaliación de cada materia deberán efectuarse nun momento posterior, cando pola evolución dos acontecementos se teñan máis certezas sobre a posibilidade ou non de avaliación presencial.
Neste mesmo eido, a USC valora positivamente a posibilidade de que se poidan realizar as prácticas ata o mes de setembro, prevendo tamén que, de xeito excepcional, sexa posible defender os Traballos Fin de Grao antes de rematar o período de prácticas.
Traballo en remoto
Unha nova páxina web actuará tamén como centro de información que recompile recursos a disposición do profesorado e do alumnado que serán constantemente actualizadas. Nesta liña, están a elaborarse vídeo titoriais que permitan coñecer mellor as ferramentas para a docencia en remoto e que se están a publicar na canle de Youtube oficial da USC.
A Universidade procederá asemade á compra de licenzas que permitan o uso dende os domicilios particulares de certas ferramentas co obxectivo de que a docencia non presencial non menoscabe as posibilidades de aprendizaxe do alumnado e permita ao profesorado desenvolver, coa maior normalidade, a súa actividade.