Skip to main content

Paula López Martínez, nova directora adxunta do CiTIUS

Paula López Martínez. FOTO: Andrés Ruiz
Paula López Martínez. FOTO: Andrés Ruiz
O nomeamento prodúcese tras unha década de crecemento e consolidación deste centro singular da USC encabezada polo investigador Paulo Félix
Santiago de Compostela

Paula López, doutora en Física e investigadora da USC adscrita ao Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), acaba de ser designada oficialmente nova directora adxunta deste centro. Deste xeito, a científica acompañará no liderado do CiTIUS ao catedrático da USC Senén Barro, designado como director científico en maio de 2019.

O nomeamento prodúcese tras unha década de crecemento e consolidación do CiTIUS encabezada polo investigador Paulo Félix, primeiro como director comisario (2010-2019) e máis tarde como director adxunto, trala creación fai tan só uns meses da figura da dirección científica (2019-2020). O propio Senén Barro quixo mostrar expresamente a súa gratitude ao afirmar que "a título persoal, e en nome do CiTIUS, quero transmitirlle a Paulo o recoñecemento e agradecemento infinitos pola súa dedicación, e polo acerto co que conduciu o noso centro dende a súa orixe ata o centro de referencia en tecnoloxías intelixentes que hoxe somos".

Durante o mandato de Paulo Félix, o CiTIUS evolucionou desde unha semente inicial que integraba distintas liñas de investigación distribuídas pola USC, ata converterse nun centro competitivo a nivel internacional. O CiTIUS é recoñecido pola industria e alberga unha excelente proxección cara ao futuro, como acreditan os novos proxectos europeos obtidos nas últimas convocatorias, os numerosos proxectos con empresas, ou o substancial incremento no seu financiamento público trala resolución da recente convocatoria de axudas a centros de investigación concedidas pola Xunta de Galicia.

Nova dirección, renovada estratexia

A nova directora adxunta do CiTIUS valorou tamén como "excepcional" o traballo desenvolvido polo seu predecesor. "Espero facer unha xestión digna da herdanza recibida, é un luxo partir da situación actual ante un escenario de tanta responsabilidade", indica Paula López.

Unha das primeiras accións que se porán en marcha tras este nomeamento será a publicación nos vindeiros días do novo Plan Estratéxico do CiTIUS para o período 2020-2023. Un documento no que se recollen as accións chave para favorecer que o centro siga medrando. "Levar a cabo a nova planificación estratéxica será sen dúbida un reto que afronto con moita ilusión", afirma Paula López. "O Centro leva facendo as cousas ben dende os seus inicios, os recentes e moi importantes logros no ámbito internacional son unha boa mostra diso", explica a nova directora adxunta. Aínda así, López Martínez asegura que "lonxe de relaxarmos isto estimúlanos a facer máis, e facelo mellor". "Como centro de investigación especializado en tecnoloxías intelixentes, temos unha responsabilidade engadida coa nosa contorna, dado o carácter transversal e profundamente transformador destas tecnoloxías", conclúe.

Currículo

Paula López recibiu o título de doutora en Física pola USC en 2003. Tras realizar unha estancia posdoutoral no Instituto Fraunhofer de Circuítos Integrados en Erlangen (Alemaña) regresou a España para continuar a súa carreira investigadora e docente, sendo na actualidade profesora titular na USC. O seu traballo céntrase no modelado e caracterización de dispositivos microelectrónicos e o deseño de circuítos integrados, unha liña na que na actualidade lidera a participación da USC no proxecto Marie Skłodowska-Curie Innovative Training Network (ITN) MENELAOS_NT, desenvolvido ao abeiro do programa europeo H2020.

The contents of this page were updated on 04.21.2020.