Aposta pola renovación do cadro de persoal docente

Renovación, estabilización e promoción son as claves sobre as que a USC traballa este ano de cara á planificación en materia de Persoal Docente e Investigador (PDI) para o curso 2020-2021. As actuacións propostas enmárcanse no Plan Plurianual de Profesorado 2019-2022 e teñen o obxectivo de acometer a renovación do colectivo docente achegando propostas que redunden, ao mesmo tempo, no fortalecemento da estrutura deste persoal en base a figuras con estabilidade estrutural.
Nesta liña, o Consello de Goberno aprobou este venres a proposta de actuacións en materia de PDI coa intención de fomentar a renovación do cadro de persoal da USC a través da creación de 45 prazas de profesorado axudante-doutor. O documento parte dos criterios establecidos no Plan de Profesorado 2019-2022 e pretende dar resposta ás necesidades de persoal xeradas polas xubilacións a través da estabilización e creación de prazas. As medidas contidas no documento aspiran a "reducir o volume de profesorado non estrutural e de dotar as áreas de recursos estables que permitan a reposición de efectivos no medio prazo".
Asemade, o Consello deu luz verde á oferta pública de emprego para o persoal docente e investigador do ano 2020, a cal está integrada por 82 prazas de profesorado con vinculación permanente orientadas á estabilización e á promoción de profesorado. En materia de PDI, o Consello tamén aprobou a modificación da relación de postos de traballo, a convocatoria de prazas de profesorado non permanente e os complementos de recoñecemento de mérito docente (quinquenios) correspondentes á convocatoria de 2019.
Titulacións
As declaracións de intencións de propostas de títulos incluídos no proxecto Universidades sem Fronteiras (UNISF) foron tamén tratadas na reunión deste venres. Neste senso, aprobouse a declaración correspondente ao Máster Desafíos das Cidades Atlánticas proposta pola Facultade de Xeografía e Historia e no que tomarían parte o resto de universidades galegas, así como as do norte de Portugal. O obxectivo xeral do curso é a formación avanzada de profesionais no campo de cidades sostibles, intelixentes, eficientes, resistentes e inclusivas, que impliquen accións de mobilidade para estudantes e profesores entre o norte de Portugal e Galicia. O consello tratou ademais a memoria correspondente á participación da USC nun programa de doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento impulsado dende a Universidade do Porto e a proposta de de reverificación do Programa de Doutoramento en Ciencias da Visión.
No mesmo apartado de titulacións, o Consello tamén deu luz verde ás propostas de renovación dos mestrados propios en Seguridade, Paz e Conflitos internacionais e en Tratamento e Protección de datos e derivados; así como ás propostas dos novos mestrados propios en Historia Militar, Terapia Cardiovascular Avanzada, Metodoloxía de Investigación Clínica Aplicada e Derivados.
Valoración científica
Os criterios de valoración da produción científica foron outro dos temas aprobados nesta xuntanza. Ao longo da última década a valoración da produción neste eido foi asentándose sobre a avaliación dos grupos de investigación como unidade organizativa básica e moi consolidada, ao tempo que se constataba a perda de relevancia dalgúns indicadores de medida. Dende esta perspectiva, xorde a necesidade de contar cun novo modelo de valoración da produción que, dunha banda simplifique a valoración da produción científica coa monitorización dos items, e doutra, consolide o seguimento da produción da USC asociada aos grupos e unidades de I+D onde operan e se organizan formalmente os mesmos. Igualmente, diversos organismos, tanto nacionais como internacionais, teñen seleccionado unha serie de indicadores que deben contemplarse e actualizarse nos criterios de valoración da produción científica.
Nova cátedra institucional
A Cátedra de TiCare en investigación en Osteointegración e Terapéutica con Implantes da USC xorde organizada arredor da docencia, a investigación e formación continua en osteo-integración e a súa relación co binomio universidade-empresa. O Consello de Goberno aprobou este venres a súa creación.
Outros asuntos
A aprobación do Regulamento de Réxime Interno do Instituto de Ciencias da Educación (ICE) e as modificacións dos Regulamentos dos Centros Singulares CiMUS e CiTIUS, así como do regulamento de TFG do grao en Matemáticas e diversas propostas de convenios, completaron a orde do día.
