Ir o contido principal

Aposta pola renovación do cadro de persoal docente

O Consello deu luz verde á oferta pública de emprego para o persoal docente e investigador do ano 2020. FOTO: Santi Alvite
O Consello deu luz verde á oferta pública de emprego para o persoal docente e investigador do ano 2020. FOTO: Santi Alvite
O Consello de Goberno aprobou este venres a proposta de actuacións en materia de PDI a través da cal crearanse 45 prazas de profesorado axudante-doutor
Lugo, Santiago de Compostela

Renovación, estabilización e promoción son as claves sobre as que a USC traballa este ano de cara á planificación en materia de Persoal Docente e Investigador (PDI) para o curso 2020-2021. As actuacións propostas enmárcanse no Plan Plurianual de Profesorado 2019-2022 e teñen o obxectivo de acometer a renovación do colectivo docente achegando propostas que redunden, ao mesmo tempo, no fortalecemento da estrutura deste persoal en base a figuras con estabilidade estrutural.

Nesta liña, o Consello de Goberno aprobou este venres a proposta de actuacións en materia de PDI coa intención de fomentar a renovación do cadro de persoal da USC a través da creación de 45 prazas de profesorado axudante-doutor. O documento parte dos criterios establecidos no Plan de Profesorado 2019-2022 e pretende dar resposta ás necesidades de persoal xeradas polas xubilacións a través da estabilización e creación de prazas. As medidas contidas no documento aspiran a "reducir o volume de profesorado non estrutural e de dotar as áreas de recursos estables que permitan a reposición de efectivos no medio prazo".

Asemade, o Consello deu luz verde á oferta pública de emprego para o persoal docente e investigador do ano 2020,  a cal está integrada por 82 prazas de profesorado con vinculación permanente orientadas á estabilización e á promoción de profesorado. En materia de PDI, o Consello tamén aprobou a modificación da relación de postos de traballo, a convocatoria de prazas de profesorado non permanente e os complementos de recoñecemento de mérito docente (quinquenios) correspondentes á convocatoria de 2019.

Titulacións

As declaracións de intencións de propostas de títulos incluídos no proxecto  Universidades sem Fronteiras (UNISF) foron tamén tratadas na reunión deste venres. Neste senso, aprobouse a declaración correspondente ao Máster Desafíos das Cidades Atlánticas proposta pola Facultade de Xeografía e Historia e no que tomarían parte o resto de universidades galegas, así como as do norte de Portugal. O obxectivo xeral do curso é a formación avanzada de profesionais no campo de cidades sostibles, intelixentes, eficientes, resistentes e inclusivas, que impliquen accións de mobilidade para estudantes e profesores entre o norte de Portugal e Galicia. O consello tratou ademais a memoria correspondente á participación da USC nun programa de doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento impulsado dende a Universidade do Porto e a proposta de de reverificación do Programa de Doutoramento en Ciencias da Visión.

No mesmo apartado de titulacións, o Consello tamén deu luz verde ás propostas de renovación dos mestrados propios en Seguridade, Paz e Conflitos internacionais e en Tratamento e Protección de datos e derivados; así como ás propostas dos novos mestrados propios en Historia Militar, Terapia Cardiovascular Avanzada, Metodoloxía de Investigación Clínica Aplicada e Derivados.

Valoración científica

Os criterios de valoración da produción científica foron outro dos temas aprobados nesta xuntanza. Ao  longo  da  última  década  a  valoración  da  produción  neste eido  foi  asentándose  sobre  a  avaliación  dos   grupos   de   investigación   como   unidade   organizativa   básica   e   moi consolidada, ao tempo que se constataba a perda de relevancia dalgúns indicadores de medida.  Dende  esta  perspectiva,  xorde  a  necesidade  de  contar  cun  novo  modelo  de  valoración  da  produción que, dunha  banda simplifique  a  valoración  da  produción  científica  coa monitorización dos items, e doutra,  consolide  o seguimento  da  produción  da  USC  asociada  aos grupos  e  unidades  de  I+D  onde  operan  e  se  organizan  formalmente  os  mesmos. Igualmente, diversos  organismos,  tanto  nacionais  como  internacionais,  teñen  seleccionado  unha  serie  de  indicadores que  deben  contemplarse  e  actualizarse  nos  criterios  de  valoración da produción científica.

Nova cátedra institucional

A Cátedra de TiCare en investigación en Osteointegración e Terapéutica con Implantes da USC xorde organizada arredor da docencia, a investigación e formación continua en osteo-integración e a súa relación co binomio universidade-empresa. O Consello de Goberno aprobou este venres a súa creación.

Outros asuntos

A aprobación do Regulamento de Réxime Interno do Instituto de Ciencias da Educación (ICE) e as modificacións dos Regulamentos dos Centros Singulares CiMUS e CiTIUS, así como do regulamento de TFG do grao en Matemáticas e diversas propostas de convenios, completaron a orde do día.

Os asistentes mantiveron a distancia de seguridade. FOTO: Santi Alvite
Os asistentes mantiveron a distancia de seguridade. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.05.2020.