Skip to main content

Campus Terra

Debate sobre propostas de futuro do agro galego na próxima lexislatura

Venres, 26 de xuño, ás 17.00

Salon de Actos da EPS de Enxeñaría (Lugo)

O foro de análise promovido polo xornal dixital Campo Galego comezará ás 17.00 horas e contará coa participación de voceiros do PP, PSOE, En Común Podemos, BNG e Marea Galeguista O reitor da USC, Antonio López, abrirá o acto cun breve saúdo aos participantes e ao público asistente ao debate, que tamén se emitirá en directo a través de Facebook Live

Vista aérea da EPS de Enxeñaria de Lugo
Vista aérea da EPS de Enxeñaria de Lugo

As propostas de futuro para o agro galego na próxima lexislatura centrarán o próximo venres 26 de xuño, a partir das 17.00 horas, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC, o primeiro debate da campaña electoral centrado no medio rural, organizado polo xornal dixital Campo Galego, e no que intervirán como relatores voceiros políticos de PP, PSOE, En Común Podemos, BNG e Marea Galeguista.

O reitor da USC, Antonio López, abrirá este foro de análise e debate sobre o medio rural promovido por Campo Galego xunto coa USC cun breve acto de acollida aos relatores así como a público participante nunha sesión que tamén se emitirá en directo a través de Facebook Live, a fin de respectar as limitacións de aforo establecidas na normativa sanitaria vixente por mor da pandemia derivada da COVID-19.

O debate, que estará moderado polo xornalista de Campo Galego Camilo Friol, xirará arredor de seis bloques temáticos, nos que ademais de afondar sobre as causas e as posibles solucións á crise provocada polo coronavirus no agro, os distintos voceiros políticos convidados tamén terán ocasión de presentar e expoñer as súas propostas de futuro para un sector de vital importancia para a vida social e económica de Galicia. Entre os temas que se abordarán figura o próximo ciclo da Política Agraria Común (PAC), cuestións candentes como a base territorial e o relevo xeracional das explotacións, así como os retos de futuro de gandería, agricultura e sector forestal.

O director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Alimentarias da Xunta de Galicia, José Balseiros Guinarte, actuará como representante do PP neste debate sobre o agro galego, unha sesión na que tamén intervirán como relatores o profesor da USC Manuel Francisco Marey, que concorre ás eleccións autonómicas na candidatura do PSdeG-PSOE, e o voceiro de Medio Ambiente do Grupo Común da Esquerda no Parlamento de Galicia, Marcos Cal. O deputado nacionalista Xosé Luis Rivas Mini, e o xeólogo ambiental e traballador do SLG na comarca da Mariña, Iván Rodríguez Lombardero, en representación de Marea Galeguista, completan o cartel de interlocutores. A sesión rematará cunha quenda aberta de preguntas, durante a que o público presente poderá trasladar a súas interpelacións aos voceiros das formacións políticas representadas.

Debido á situación de emerxencia sanitaria o aforo é restrinxido e será exclusivamente por invitación, podendo seguirse en directo a través da conta de Facebook do xornal Campo Galego

 

The contents of this page were updated on 06.23.2020.