Skip to main content

A UE selecciona o proxecto sobre dieta atlángica Galiat 6+7 como caso de éxito pola súa xestión innovadora

O peixe atópase entre os protagonistas da dieta atlántica. Foto Santi Alvite
O peixe atópase entre os protagonistas da dieta atlántica. Foto Santi Alvite
A USC participa a través da Aula de Produtos Lácteos e o Departamento de Farmacoloxía. Os investigadores chegaron á conclusión de que os alimentos seleccionados son beneficiosos en patoloxías relacionadas cos riscos cardiovasculares e a obesidade
Santiago de Compostela

A Aula de Produtos Lácteos de Lugo e o Departamento de Farmacoloxía da Facultade de Medicina forman parte do proxecto sobre dieta atlántica Galiat 6+7, unha iniciativa do grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC no que colaboran seis empresas e sete grupos científicos para demostrar os efectos saudables dos produtos do mar e da hora galega, propios da dieta atlántica tradicional. A Unión Europea acaba de elixir este proxecto como caso de éxito no estudo realizado polo programa Interreg Atlantic Area 2014-2020 destacando o seu modelo de xestión innovadora, denominado de cuádruple hélice por xuntar á industria, autoridade públicas, investigación e cidadanía.

O programa europeo, que sinala os desafíos aos que se enfrontan as diferentes rexións do eixe Atlántico en materia de innovación en alimentación saudable, considera a GALIAT 6+7 como un modelo de Living Lab. Un ecosistema de innovación aberto e centrado no usuario, baseado na co-creación e co-aprendizaxe, que integra procesos de investigación, de mellora da saúde, e innovación en comunidades e contornas da vida real.

Os investigadores chegaron á conclusión, a través de diferentes estudos, que os alimentos seleccionados son beneficiosos en patoloxías relacionadas cos riscos cardiovasculares e a obesidade, que se detectan a idades cada vez máis temperás debido ao cambio nos estilos de vida e alimentación.

Bodegas Terras Gauda, A Rosaleira, Quescrem, Pazo de Rivas, Friscos e Olei son as seis empresas impulsoras e os sete grupos Científicos, ademais dos da USC, a Misión Biolóxica de Galicia-CSIC (Grupo de Viticultura e Grupo de Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas), Instituto de Investigación de Ciencias Mariñas-CSIC (Grupo de Química de Produtos Mariños), Hospital Clínico de Santiago-CHUS (Grupo Clínico), Fundación Ramón Domínguez e o Departamento de Química Analítica e Alimentaria da Universidade de Vigo.

The contents of this page were updated on 07.01.2020.