Skip to main content

A incubadora de alta tecnoloxía BioIncubaTech amplía ata o 15 o prazo da nova convocatoria de proxectos

Esta incubadora está promovida pola USC en colaboración con Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago. FOTO: Santi Alvite
Esta incubadora está promovida pola USC en colaboración con Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago. FOTO: Santi Alvite
A iniciativa acolle un máximo de 22 proxectos de biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias de todo o mundo
Santiago de Compostela

BioIncubaTech, a incubadora de alta tecnoloxía da USC amplía ata o 15 de setembro o prazo da súa segunda convocatoria de proxectos, a través da que ofrece espazo e apoio a 22 pequenas empresas e iniciativas no eido das ciencias da saúde e a biotecnoloxía alimentaria. BioIncubaTech, a primeira bioincubadora de Galicia e a única en España especializada nestes ámbitos, ofrece dotación de infraestruturas e programas de incubación e aceleración, para conseguir atraer talento emprendedor e resultados de investigación de todo o mundo á comunidade galega. 

Nesta convocatoria seleccionaranse ata 14 proxectos en fase de preincubación, dos que catro poderán estar aloxados na zona de coworking e o resto na modalidade de incubación virtual. Asemade, seleccionaranse ata catro proxectos en fase de incubación, dos que ata tres poderán dispor de aloxamento físico en módulos de laboratorio ou oficina, segundo a dispoñibilidade, e o resto na modalidade de incubación virtual; e ata catro proxectos en fase de aceleración, dos que ata tres poderán dispor de aloxamento físico en módulos de laboratorio ou oficina, segundo a dispoñibilidade, e o resto na modalidade de incubación virtual. As candidaturas recibidas ata o 8 de setembro, data na que remata o prazo, serán avaliadas pola Comisión de Dirección Operativa de BioIncubaTech. 

Iniciativa consolidada

Esta é a segunda convocatoria dun programa que a finais de 2019 resolveu apoiar outros 22 proxectos, dos cales seis, en fase de preincubación, xa se constituíron como empresas propiamente ditas, catro empresas están xa instaladas en laboratorios e oficinas do Edificio Emprendia, outras cinco teñen a disposición a área de coworking, e todas elas están a recibir o apoio dos diferentes programas que ofrece BioIncubaTech. 

Esta nova infraestrutura, cuxa sede está situada no edificio Emprendia da USC, ofrece apoio e espazo para a incubación tanto de micropemes como de proxectos do ámbito biotecnolóxico: espazos de traballo privativos como laboratorios e oficinas; instalacións e equipamentos especializados en réxime compartido como salas branca, de cultivo celular, de bioloxía molecular, de equipamentos de gran volume e de almacenamento de mostras; ademais de programas coordinados de apoio no ámbito da transferencia de tecnoloxía, desenvolvemento de negocio, internacionalización e financiamento. Ademais, proporciona un acceso preferente a infraestruturas científicas da USC. 

Alén da infraestrutura científico-técnica proporcionada, as empresas usuarias de BioIncubaTech contarán cunha serie de programas de apoio en catro eidos fundamentais de actividade: a transferencia de coñecemento e xestión da innovación; captación e xestión de talento directivo; coordinación e networking internacional; e captación de investimento e xestión financeira. 

BioIncubaTech forma parte do Polo de Innovación en Biotecnoloxía que se está a crear en Santiago de Compostela e que terá a súa sede no Parque Empresarial da Sionlla onde se instalará o centro de fabricación avanzada Sionlla Biotech, impulsado pola Asociación Área Empresarial do Tambre coa colaboración da Xunta, o Concello, a Cámara de Santiago e a Universidade, ademais do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e que se integrará no Hub de innovación dixital Datalife liderado por Bioga.

Esta incubadora está promovida pola USC en colaboración con Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago; e recibe financiamento da Fundación INCYDE na súa convocatoria 2018 de ‘Incubadoras de Alta Tecnoloxía para o fomento da Innovación e a transferencia de tecnoloxía a micropemes´ (Fondos FEDER), e cofinanciamento da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia.

 

The contents of this page were updated on 09.04.2020.