Miranda Boto intervén na comisión de investigación francesa sobre a representación dos traballadores na economía de plataformas

O profesor de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, José María Miranda Boto, interveu a semana pasada como experto independente ante a comisión de investigación designada polo goberno francés sobre a representación dos traballadores na economía de plataformas. A comisión está presidida por Jean- Yves Frouin, antigo presidente da sala do social da Cour de Cassation, e integrada por académicos, investigadores independentes e partes interesadas.
Ao longo da súa comparecencia virtual, o profesor abordou diversos aspectos da situación europea e española, especialmente sobre os distintos estatutos xurídicos e as formas de representación deste tipo de traballadores. Os membros da comisión formularon diversas preguntas sobre a negociación colectiva en España e sobre os resultados do proxecto COGENS. Os resultados da comisión de investigación serán presentados ao Goberno francés no mes de outubro e servirán de base para unha reforma lexislativa na materia.
O proxecto COGENS, liderado dende a USC polo profesor Miranda Boto, agrupa investigadores de 16 países, ten como tema a negociación colectiva na economía de plataformas e conta cun orzamento de 332.329,62 euros. Asemade, celebrará a súa conferencia final na USC na primavera de 2021. O profesor Miranda Boto forma parte tamén do Observatorio sobre as plataformas dixitais establecido pola Confederación Europea de Sindicatos.