Skip to main content

Bota a andar a convocatoria 2020 do programa Emega dirixido a fomentar o emprendemento feminino

No acto tomaron parte, de esquerda a dereita, a vicerreitora Mar Lorenzo, o reitor Antonio López, o vicepresidente Alfonso Rueda, a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto; e a directora de Woman Emprende, Eva López Barrio. FOTO: Santi Alvite
No acto tomaron parte, de esquerda a dereita, a vicerreitora Mar Lorenzo, o reitor Antonio López, o vicepresidente Alfonso Rueda, a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto; e a directora de Woman Emprende, Eva López Barrio. FOTO: Santi Alvite
Este ano destínanse máis de 1,7 millóns de euros co obxectivo de que as ideas emprendedoras femininas poidan materializarse contribuíndo a xerar riqueza e novos postos de traballo para mulleres
Lugo, Santiago de Compostela

A convocatoria da edición 2020 do programa Emega de impulso ao emprendemento feminino mantén aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro 6 de agosto. A convocatoria deste ano, na que a USC toma parte a través do programa Woman Emprende, reforza a denominada ‘liña Activa’ destinada a axudar ás empresas que están a atravesar unha situación económica adversa que se viu agravada como consecuencia da crise sanitaria da COVID-19; e flexibiliza os criterios de acceso sen que se requira que o negocio teña máis de tres anos ademais de valorarse o emprego mantido neste período.

Alén da ‘liña Activa’, o programa Emega implementa outras tres liñas específicas, como a liña ‘Emprende’, para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e crear emprego feminino estable por conta propia ou allea; a liña ‘Innova’, para fomentar a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade de empresas constituídas por mulleres; e a liña ‘ITEF’, para promocionar iniciativas empresariais con contido científico ou base tecnolóxica promovidas por mulleres; e a maiores, establecese a axuda complementaria ‘Concilia’.

Desenvolvemento e riqueza

No acto de presentación desta última edición do Programa Emega, tomaron parte o reitor Antonio López, xunto ao vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. López destacou a importancia desta colaboración entre a USC e a Xunta de Galicia xa que evidencia a función social da Universidade “apostando pola transferencia do  coñecemento para xerar desenvolvemento e riqueza”. O Programa Woman Emprende da USC ten como obxectivo fundamental fomentar o emprendemento feminino e a transferencia de coñecemento á sociedade, apoiando as iniciativas emprendedoras e a xeración de novos proxectos, explicou o reitor. En dito Programa Woman Emprende, “materializase o compromiso da USC co emprendemento integral e responsable, así como o desenvolvemento económico e social da contorna”, concluíu.

Pola súa parte o vicepresidente Rueda agradeceu o traballo da USC a través de Woman Emprende no apoio ás mulleres emprendedoras, “tendo en conta que emprender sempre é complexo e no emprendemento feminino moito máis”. Para esta edición do programa Emega, a Xunta aporta 1,7 millóns de euros, o 4% máis que na edición anterior na que se seleccionaron 171 iniciativas, explicou.

A vicerreitora de Igualdade Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, tamén estivo presente no acto xa que dende esta Vicerreitoría coordínase o papel da USC nesta iniciativa dirixida a todas as mulleres emprendedoras de Galicia. Ademais de Lorenzo Moledo, tomaron parte no acto a directora do programa Woman Emprende da USC, Eva López Barrio; e a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto Viso.

A USC, a través do seu programa de asesoramento empresarial feminino Woman Emprende, leva a cabo a labor de mentorización e acompañamento das emprendedoras beneficiarias, baixo a coordinación da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia. Eva López Barrio, coordinadora de Woman Emprende, quixo subliñar que hai doce anos que a Universidade empezou co emprendemento feminino. Daquela, era a única universidade e hoxe traballan coordinadamente neste eido 45 institucións, afirmou. Finalmente, Natalia Prieto, directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa en representación da secretaria xeral da Igualdade, explicou que o programa Emega consolídase como medida específica para o fomento do emprendemento feminino.

The contents of this page were updated on 07.15.2020.