Skip to main content

Maite Flores, nova secretaria da Sociedade Europea de Óptica

Na súa traxectoria profesional, Maite Flores desempeñou diferentes cargos en comités científicos.
Na súa traxectoria profesional, Maite Flores desempeñou diferentes cargos en comités científicos.
Grazas ao nomeamento da profesora da USC, España segue a ter representación e liderado nos organismos que articulan a investigación en Óptica e Fotónica na Unión Europea
Santiago de Compostela

A profesora da USC Maite Flores Arias acaba de ser elixida polo comité executivo da Sociedade Europea de Óptica, secretaria desta entidade. Deste xeito, a profesora pasa a ser membro do equipo de dirección da Sociedade. Flores Arias, coordinadora da infraestrutura ‘Laboratorio Láser de Aceleración e outras aplicacións’ (L2A2) da USC, lidera o grupo de investigación Photonics4Life, recoñecido en 2019 co Premio de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, e é profesora do Departamento de Física Aplicada, área de Óptica, da USC.

Grazas ao seu nomeamento neste cargo, España segue a ter representación e liderado nos organismos que articulan a investigación en Óptica e Fotónica na Unión Europea. A profesora Flores acadou unha ampla maioría fronte aos outros candidatos dos países da Unión Europea, feito que non só recoñece a súa ben coñecida labor investigadora no eido da Fotónica en España, senón que tamén pon en valor  a súa contribución aos avances da ciencia no eido internacional.

Na súa traxectoria profesional desempeñou diferentes cargos en comités científicos. Neste senso, foi vicepresidenta e máis tarde presidenta do Comité de Optoelectrónica da Sociedade Española de Óptica; vicepresidenta do Comité de Técnicas da Imaxe da Sociedade Española de Óptica, membro dos comités de expertos de entidades nacionais tales como a ‘Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación’ (ACSUG), a ‘Axencia Estatal de Investigación’ (AIE), a ‘Administración Nacional de Educación Pública’ (ANEP) e da ‘Axencia de Certificación en Innovación Española’ (ACIE), entre outras. Tamén forma parte de entidades de investigación internacionais como o ‘Consello Nacional de Ciencia e Tecnoloxía “de México (CONACYT) e do ‘National Science Center’ de Polonia.

A Sociedade Europea de Óptica actúa como paraugas para as respectivas sociedades de óptica nacionais. A misión desta entidade é reunir e fomentar a cooperación no eido da óptica, optoelectrónica e os campos científicos relacionados, para desenvolver un uso práctico dos resultados da investigación e apoiar a explotación industrial da óptica. Este organismo impulsa congresos internacionais, encontros científicos, técnicos e culturales; ou formación, entre outras iniciativas.

The contents of this page were updated on 09.28.2020.