Maite Flores, nova secretaria da Sociedade Europea de Óptica

A profesora da USC Maite Flores Arias acaba de ser elixida polo comité executivo da Sociedade Europea de Óptica, secretaria desta entidade. Deste xeito, a profesora pasa a ser membro do equipo de dirección da Sociedade. Flores Arias, coordinadora da infraestrutura ‘Laboratorio Láser de Aceleración e outras aplicacións’ (L2A2) da USC, lidera o grupo de investigación Photonics4Life, recoñecido en 2019 co Premio de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, e é profesora do Departamento de Física Aplicada, área de Óptica, da USC.
Grazas ao seu nomeamento neste cargo, España segue a ter representación e liderado nos organismos que articulan a investigación en Óptica e Fotónica na Unión Europea. A profesora Flores acadou unha ampla maioría fronte aos outros candidatos dos países da Unión Europea, feito que non só recoñece a súa ben coñecida labor investigadora no eido da Fotónica en España, senón que tamén pon en valor a súa contribución aos avances da ciencia no eido internacional.
Na súa traxectoria profesional desempeñou diferentes cargos en comités científicos. Neste senso, foi vicepresidenta e máis tarde presidenta do Comité de Optoelectrónica da Sociedade Española de Óptica; vicepresidenta do Comité de Técnicas da Imaxe da Sociedade Española de Óptica, membro dos comités de expertos de entidades nacionais tales como a ‘Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación’ (ACSUG), a ‘Axencia Estatal de Investigación’ (AIE), a ‘Administración Nacional de Educación Pública’ (ANEP) e da ‘Axencia de Certificación en Innovación Española’ (ACIE), entre outras. Tamén forma parte de entidades de investigación internacionais como o ‘Consello Nacional de Ciencia e Tecnoloxía “de México (CONACYT) e do ‘National Science Center’ de Polonia.
A Sociedade Europea de Óptica actúa como paraugas para as respectivas sociedades de óptica nacionais. A misión desta entidade é reunir e fomentar a cooperación no eido da óptica, optoelectrónica e os campos científicos relacionados, para desenvolver un uso práctico dos resultados da investigación e apoiar a explotación industrial da óptica. Este organismo impulsa congresos internacionais, encontros científicos, técnicos e culturales; ou formación, entre outras iniciativas.