Proxecto Edison, unha “satisfacción” compartida

O proxecto Edison, unha iniciativa de micromecenado promovida pola Aula TIC-Pemes (ATP) da USC en colaboración con Cogami co obxecto de proporcionar formación universitaria e mellorar así a integración social e laboral de persoas con discapacidade, chega ao remate da súa primeira edición logo de medio ano dunha innovadora experiencia formativa e laboral cualificada de “satisfactoria” por todos os axentes implicados. A sete persoas que tomaron parte no programa, os responsables da Aula TIC-Pemes da USC e as propias empresas colaboradoras que participaron de xeito activo no proxecto Edison, tanto coa financiación da formación como coa acollida en prácticas do alumnado, coinciden en salientar as vantaxes e os beneficios compartidos que reporta esta nova forma de colaboración entre Universidade e empresas.
A primeira edición do proxecto Edison, a través do que os seus promotores aspiran a achegar a persoas con discapacidade a postos de traballo de calidade, permitiu facer un pouco máis visible o achegamento do mercado laboral a este colectivo de persoas. Así, alén de que 5 dos 7 participantes completaron con éxito esta nova experiencia vital, tanto no que atinxe ao período de formación teórica como ás estadías prácticas, o sentir das empresas implicadas, entre as que figuran Arenal, Cafés Candelas, Caixa Rural, Colexio de Economistas de Lugo, Dmanán, Lactalis-Puleva ou Tableros Hispanos, tradúcese tamén nunha experiencia positiva para as súas rutinas e espazos de traballo.
“Iniciativas como o proxecto Edison permiten descubrir novos talentos e coñecer persoas que teñen unha forma diferente de entender a empresa e o sistema, o que favorece a capacidade de adaptación”, comenta a directora de Recursos Humanos de Cafés Candelas, cuxa bolseira a través do proxecto Edison, Rosana Vilaboa, ve “fundamentais” este tipo de oportunidades, que “abren novas vías de colaboración entre universidades e empresas que reportan vantaxes para todos”.
Oportunidades
“O proxecto Edison é unha magnífica oportunidade para darse a coñecer ás empresas”, comenta Ainara Serrano, que recomendaría a calquera empresa implicarse neste programa por, entre outras cuestións, “o rigor e o compromiso ético, así como polo valor engadido que achega ás empresas”. Nesta mesma liña, a directora de Recursos Humanos de Caixa Rural Galega, na que Ainara completou unha profesional, apunta que “o proxecto Edison será un referente nun futuro próximo”.
O Colexio de Economistas de Lugo salienta asemade que “é un honor participar nunha iniciativa pioneira na nosa cidade coa que se fai visible o compromiso da entidade coa empregabilidade de todas as persoas”. O bolseiro do proxecto que gozou dunha experiencia laboral neste órgano colexiado, Javier Otero, subliñou asemade que “coas prácticas aprendín moito, potenciei algunhas habilidades e, sobre todo, gañei confianza en min mesmo”.
Outro dos beneficios que reporta o proxecto Edison para o alumnado participante é o enriquecemento do seu currículo, tal e como recoñece o graduado en Administración e Dirección de Empresas Javier Pardo, que confía en que a súa experiencia en Dmanán supón un valor engadido á hora de presentarse a “satisfacción persoal e a mellora do ambiente laboral” como dous dos beneficios directos que reportou para a empresa a participación neste proxecto de marcado calado social.
Axuda e motivación
“O feito de prestar axuda a persoas que precisan algún tipo de apoio é unha motivación máis que suficiente para implicarse en proxectos como Edison”, subliña o responsable do departamento de administración e director financeiro de Arenal Perfumerías, que tamén ve nestas iniciativas novas oportunidades para coñecer ou descubrir a potenciais traballadores”.
Ilusionado coa posibilidade de mellorar a súa formación en áreas nas que carecía de preparación suficiente, tales como contabilidade, márketing, organización empresarial ou facturación, Jesús Ramil cualifica de moi enriquecedora a súa estadía laboral na planta de que dispón o grupo Lactalis en Nadela, cuxo director confía en que a pequena chega de Lactalis ao proxecto Edison sirva para facilitar a inserción laboral deste bolseiro.
A responsable da Aula TIC-Pemes da USC, a profesora Ángeles López Cabarcos, aproveitou a clausura da primeira edición do proxecto Edison, para reiterar o seu agradecemento ás empresas e ao alumnado que fixeron posible o desenvolvemento dun programa teórico e práctico ideado para favorecer a adquisición de formación, así como de habilidades sociais e persoais en persoas con capacidades diferentes, un colectivo vulnerable por mor das dificultades que atopa para a súa empregabilidade.
