Skip to main content

Un alumno de Bioloxía, recoñecido pola Sociedade Española de Excelencia Académica

Yeray Folgar Cameán, diante da Facultade de Bioloxía
Yeray Folgar Cameán, diante da Facultade de Bioloxía
Yeray Folgar Cameán obtivo a maior puntuación atendendo ao seu expediente académico e aos méritos curriculares
Santiago de Compostela

Yeray Folgar Cameán, graduado en Bioloxía pola USC no curso 2019/2020, acaba de ser galardoado no ránking que realiza anualmente a Sociedad Española de Excelencia Académica (SEDEA), como o egresado en Bioloxía coa maior puntuación do pasado ano académico atendendo ao seu expediente e aos méritos curriculares. De entre todos os participantes, 30 biólogos foron galardoados e Folgar Cameán obtivo a máxima puntuación.

Yeray Folgar gozou os derradeiros catro meses dunha bolsa de investigación no IIAG-CSIC e na actualidade está a cursar o Máster en Chemistry at the Interface with Biology and Materials Science na USC, integrado no grupo de Javier Montenegro no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS). “De entre todos os participantes, fomos galardoados 30 biólogos e considero que este diploma no só leva o meu nome, senón tamén o da Facultade, situándose nesta edición á cabeza” manifestou o premiado, ao valorar “a excelencia académica e agrande calidade humana” do centro e do seu profesorado.

Pola súa parte, a Facultade de Bioloxía valorou moi positivamente “o feito de contar con estudantes deste nivel, tanto a nivel académico como humano”. “Debemos de fixar a atención nestes novos valores e facilitar o seu desenvolvemento coma investigadores e futuro da nosa universidade”, afirmou o decano Antonio Segura.

Criterios de valoración

Tras unha avaliación curricular multiparamétrica, levada a cabo por SEDEA e un comité de investigadores, catedráticos e expertos en cada área de coñecemento, seleccionáronse os mellores graduados a nivel estatal. O criterio de valoración con máis peso específico é a nota media final do expediente académico, aínda que tamén se teñen en conta moitos outros factores curriculares como as bolsas Erasmus ou bolsas internacionais de intercambio, de colaboración con departamentos universitarios, de investigación, premios ou distincións logradas, concursos ou certames de carácter académico, idiomas, coñecementos informáticos, realización de cursos, ou participación en congresos, entre outros factores.

O número de galardoados no ránking de cada título depende do número de estudantes que cursan esa titulación. En xeral, o número de seleccionados aos que se acredita como graduados top correspóndese aproximadamente co 1% dos universitarios egresados nese título. Os seleccionados como graduados top no ránking de cada carreira obteñen un certificado que os acredita como os mellores graduados de España na súa titulación.

The contents of this page were updated on 11.05.2020.