Skip to main content

O ciclo ‘Destacando na ciencia’ divulgará a investigación universitaria entre o alumnado maior de 50 anos

O convenio asinado este xoves polo reitor Antonio López e o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, fixa o compromiso de ambas as dúas institucións por mellorar a participación nos procesos formativos do colectivo de persoas maiores. FOTO: Santi Alvite
O convenio asinado este xoves polo reitor Antonio López e o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, fixa o compromiso de ambas as dúas institucións por mellorar a participación nos procesos formativos do colectivo de persoas maiores. FOTO: Santi Alvite
O convenio asinado este xoves polo reitor e o alcalde de Santiago fixa o marco de colaboración entre ambas as dúas institucións para mellorar a participación nos procesos formativos do colectivo pertencente ao IV Ciclo
Santiago de Compostela

Coa intención de poñer o foco no traballo realizado polas científicas e científicos  que desenvolveron a súa labor na cidade de Santiago, o ciclo de conferencias ‘Destacando na ciencia’ impulsa a divulgación do coñecemento, alén de fomentar a participación do alumnado do IV Ciclo da USC. O convenio asinado este xoves polo reitor Antonio López e o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, fixa o compromiso de ambas as dúas institucións por mellorar a participación nos procesos formativos do colectivo de persoas maiores.

Promover a incorporación de alumnado maior de 50 anos aos estudos universitarios, favorecendo a súa integración e participación en procesos formativos; así como amplificar a oferta de estudos universitarios, con criterio interdisciplinario e en consonancia cos principios que inspira a educación continuada, como experiencia global que se desenvolve ao longo de toda a vida, constitúen dous dos principios que vertebran o acordo asinado este xoves. O Concello contribuirá economicamente á difusión do programa de actividades que integran a iniciativa.

Programa

Os catedráticos da USC Margarita Ledo, Ángel Carracedo e Darío Villanueva serán as figuras centrais da edición 2020 do ciclo de conferencias ‘Destacando na ciencia’. Tres relatorios que se desenvolverán ao longo do mes de decembro e que ofrecerán un espazo motivador de intercambio de experiencias, divulgando a ciencia e contando en primeira persoa os achados máis relevantes da súa traxectoria, así como dos métodos e tecnoloxías empregadas.

Nesta liña, o IV Ciclo dá solucións “para atallar as diferencias que xorden na difusión e interese entre o alumnado de mais de 50 anos para que non se produzan fronteiras entre o mundo da ciencia natural e tecnolóxica e o da humanística”, apuntan dende a dirección deste programa. “Entendemos que é necesario impulsar un ciclo de conferencias para acercar dito coñecemento a poboación maior e reducir a brecha de distanciamento que se observa na elección e valoración das materias”, conclúen.

The contents of this page were updated on 11.12.2020.