A Aula de Produtos Lácteos achega valor ao agro galego cunha xornada sobre iogures e leite fermentado

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) do Campus de Lugo da USC achega valor ao agro galego cunha xornada técnica e de formación sobre iogures e leite fermentado. Esta nova actividade formativa, organizada en colaboración coa Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia no marco do programa Agro Galego 2020, desenvolverase en liña do 25 ao 30 de novembro, a fin de sortear así as limitacións provocadas pola pandemia causada pola COVID-19.
Os produtores do sector primario, así como as persoas que estean a completar calquera nivel formativo cuxa temática estea ligada ao sector alimentario, constitúen o colectivo de destinatarios aos que se dirixe este curso, que está estruturado en 12 horas de formación. A inscrición neste programa, que está limitado a un máximo de 25 participantes, é gratuíta e as persoas interesadas deberán descargar e cubrir o formulario dispoñible na web para logo envialo ao enderezo de correo electrónico formacion [at] aplta.es (formacion[at]aplta[dot]es). Tamén se pode obter máis información a través do teléfono 647 344 098.
O curso ‘Iogur: características e tecnoloxías de elaboración’, promovido xunto coa Oficina Comarcal Agraria de Lugo, en colaboración coa Consellería de Medio Rural, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, encádrase nas propostas de formación do Plan de transferencia para apoio de actividades de demostración e de información Agro Galego 2020, que contan cun financiamento do 75% dos fondos Feader.
Bloques temáticos
O deseño do programa, estruturado en diversos bloques temáticos, pretende achegar ás persoas inscritas os diferentes tipos de leites fermentados que existen, ademais de ensinarlles as técnicas de elaboración dun iogur, a fin de que poidan avaliar de xeito sinxelo a viabilidade da súa produción ou, no seu caso, adaptar as instalacións de que dispoñen para o proceso de fabricación deste produto lácteo.
Ao longo do curso, que permitirá aos participantes acceder a un amplo abano de contidos de carácter teórico e práctico, baixo a guía ou asesoramento do técnico superior de investigación da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias, Luis Aldeanueva, o alumnado traballará os diferentes factores de calidade dun iogur, a fin de acadar a capacitación precisa para optimizar as características do produto final, ao tempo que estudará e analizará os posibles accidentes do proceso de fabricación e as manifestacións que permiten evitalos.
Esta nova prestación de servizos da APLTA pretende contribuír asemade a que Galicia avance no proceso de transformación do leite que produce, máis da metade se comercializa como líquido sen transformar, co que se limita a xeración de valor engadido. Neste senso, o iogur, que ademais de achegar os nutrientes básicos do leite e de adaptarse á maioría dos sectores poboacionais, constitúe un produto habitual na alimentación da sociedade, a través do que se engade valor engadido ao leite.