Skip to main content

‘Ciencia singular’ sen moverse da casa

A pandemia por mor da COVID-19 obrigou a reformular o formato habitual deste evento que chega xa á súa cuarta edición, a primeira delas que se desenvolverá en liña
A pandemia por mor da COVID-19 obrigou a reformular o formato habitual deste evento que chega xa á súa cuarta edición, a primeira delas que se desenvolverá en liña
A USC impulsa en liña este sábado 28 unha nova edición da súa xornada anual de divulgación científica para dar a coñecer a actividade da súa Rede de Centros Singulares de Investigación
Santiago de Compostela

A Rede de Centros Singulares de Investigación (RCSI) da USC celebra este sábado 28 de novembro unha nova edición da xornada anual de divulgación ‘Ciencia Singular’, destinada a amosar á sociedade o labor de excelencia que realizan os catro centros que integran a Rede. A pandemia por mor da COVID-19 obrigou a reformular o formato habitual deste evento que chega xa á súa cuarta edición, a primeira delas que se desenvolverá en liña.

Charlas en directo con expertos, visitas virtuais aos laboratorios ou experimentos conformarán o percorrido por este ecosistema científico que permitirá coñecer “o valor engadido que esta Rede está a achegar á mellora da calidade de vida das persoas, non só na nosa contorna máis próxima, senón tamén a nivel global”, apuntan dende a organización.

Química Biolóxica e Materiais Moleculares

A Química é unha das ferramentas máis poderosas coas que conta a sociedade para afrontar os desafíos do século XXI. Cada día, o compromiso dos investigadores do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) permite explorar novas aplicacións en campos como a saúde (Química Biolóxica e Médica), ou a industria (Materiais Funcionais, Catálise). En só oito anos o centro tense consolidado como referente de investigación interdisciplinaria na fronteira entre a Química, a Biomedicina e a Ciencia de Materiais, tal e como se poderá comprobar na cuarta edición de ‘Ciencia Singular’. Charlas en streaming, un tour virtual ou experimentos científicos pensados para os máis pequenos serán algunhas das actividades que nutrirán a xornada.

Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas

O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) traballa na prevención, comprensión e tratamento das enfermidades crónicas en áreas como Cancro, Endocrinoloxía, Cardiovascular, Neurociencias, Xenética e Bioinformática, Nanomedicina ou Desenvolvemento de Fármacos. O CiMUS tamén tomará parte nesta xornada en liña de divulgación científica con visitas virtuais, demostracións en laboratorios con microscopios de última xeración ou charlas divulgativas.

Tecnoloxías Intelixentes

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) traballa no desenvolvemento dunha nova xeración de tecnoloxías intelixentes que integren a Intelixencia Artificial (IA) nos diferentes niveis existentes entre o mundo físico e o cognitivo. O obxectivo é tirar proveito das potencialidades da IA na resolución de problemas cada vez máis complexos e poñela ao servizo das persoas, garantindo a transparencia e a confiabilidade. Entre as súas múltiples aplicacións, tal e como se poderá comprobar en ‘Ciencia Singular’, figuran eidos como a saúde, a industria, o transporte ou as cidades intelixentes. Nesta primeira edición virtual, o CiTIUS propón un innovador formato de visita ao Centro a través dun evento en directo en Youtube conducido por un recoñecido divulgador científico.

Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) é un centro acreditado como Unidade de Excelencia “María de Maeztu”. Dende a súa fundación, colabora en grandes infraestruturas internacionais como CERN. O  IGFAE organizou para esta xornada un programa de relatorios virtuais que cobren as tres áreas estratéxicas nas que o instituto divide a súa investigación: o Modelo Estándar ata os límites, Partículas cósmicas e física fundamental e Física nuclear dende o laboratorio para mellorar a saúde das persoas. Os relatorios serán emitidos pola canle de Youtube do  IGFAE, en cuxo chat o público poderá participar en directo coas súas preguntas.

The contents of this page were updated on 11.25.2020.