A USC escala posicións no GreenMetric Ranking of World Universities 2020

O GreenMetric Ranking of World Universities 2020 recoñece un ano máis o compromiso medioambiental da USC. A Universidade de Santiago acaba de ascender máis de 100 postos ao situarse na posición 266 dunha listaxe integrada por un total de 912 universidades.
O tratamento de residuos e a reciclaxe conforman o eido no que a Universidade de Santiago obtén unha mellor cualificación, seguida da atención que se lle presta ao cambio climático e a un eficiente uso enerxético, así como a relevancia que a institución lle outorga á sustentabilidade tanto na docencia como na investigación. Das 29 universidades españolas que integran a listaxe, a USC ocupa o posto 16.
Metodoloxía
O obxectivo desta clasificación, impulsada pola Universidade de Indonesia, é reflectir os esforzos realizados polas universidades no desenvolvemento e implantación de políticas e programas respectuosos co medio ambiente e a sustentabilidade. Os responsables da clasificación analizan o compromiso das universidades coa sustentabilidade a partir dunha serie de aspectos que inclúen a recompilación de información básica sobre o perfil de cada universidade, particularmente en relación ao seu tamaño e ámbito xeográfico de implantación.
Os criterios en base aos que se organiza a valoración final de cada institución son os de enerxía e cambio climático (21% da nota final); tratamentos dos residuos (18%); programas de educación e investigación (18%); accións en relación cos medios de transporte nos campus (18%); configuración e infraestruturas (15%); e uso da auga (10%). A recompilación dos datos realízase a través de enquisas en liña enviadas a administradores universitarios.