Organizan a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e a Asociación de Economía Crítica

As Xornadas de Economía Crítica (JEC), un espazo de encontro aberto que conta xa con tres décadas de traxectoria, desenvólvense baixo o lema ‘Emerxencias, Transicións e Desigualdades Socioeconómicas’.
A sesión plenaria de ‘Emerxencias’ contará coa participación de Erika González, investigadora no Observatorio de Multinacionales de América Latina (OMAL), e de Antonio Turiel, científico titular no Institut de Ciències del Mar (CSIC).
Na sesión de ‘Transicións’ participarán Santiago Álvarez Cantalapiedra, director de FUHEM Ecosocial, e Alicia Valero Delgado, directora do grupo de investigación de Ecoloxía Industrial no Instituto CIRCE da Universidade de Zaragoza.
Por último, na sesión de ‘Desigualdades’ participarán Cristina Carrasco Bengoa, profesora de Teoría Económica na Universitat de Barcelona, e Xosé Manuel Beiras, catedrático de Estrutura Económica da Universidade de Santiago de Compostela, ambos xa retirados.
A asistencia está recoñecida para o alumnado dos graos en Economía e de Administración e Dirección de Empresas cunha equivalencia de 1 crédito ECTS. Tanto a consulta do programa como o proceso de inscrición pode realizarse a través da web das xornadas.