Este evento forma parte do ciclo virtual organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE)

O IGFAE celebra o sétimo diálogo de 'Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia' cunha investigadora recoñecida e premiada nacionalmente por visibilizar a mulleres científicas e divulgar as matemáticas: Marta Macho Stadler.
Doutora en matemáticas e profesora da Universidade do País Vasco- Euskal Herriko Unibertsitatea (UPV/EHU), é editora do blogue 'Mujeres con ciencia' da Cátedra de Cultura Científica desta mesma universidade e responsable das seccións de Literatura e Matemáticas e de Teatro e Matemáticas no Portal DivulgaMAT da Real Sociedade Matemática Española.
Das súas inquietudes por estas materias charlará co investigador e físico teórico José Edelstein o vindeiro xoves nun encontro virtual que poderá seguirse en directo na canle de Youtube do IGFAE.