A USC remata a súa participación en Biospain

A USC pecha este xoves a súa presenza en Biospain, o maior evento organizado arredor do sector biotech en España, e onde persoal técnico da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento mantivo encontros con empresas do sector biotecnolóxico interesadas en novas tecnoloxías desenvolvidas na Universidade compostelá. Concretamente, 25 empresas do sector farmacéutico e da comercialización de produtos para a diagnose de enfermidades mostraron o seu interese na carteira da USC.
A institución compostelá acudiu a esta feira xunto cos principais axentes galegos implicados no sector, e que novamente acoden á cita conxuntamente: a Axencia Galega de Coñecemento en saúde (ACIS), a Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Clúster Saúde de Galicia (CSG), o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e as Universidades da Coruña e Vigo.
A USC conta cunha longa traxectoria na creación de EBTs, destacando a recente concesión do proxecto Bioincubatech que presentará en Biospain. A súa presenza en Biospain permitiu a promocionou dalgunhas das súas últimas tecnoloxías que están protexidas mediante patente, como son novos compostos con potencial aplicación en terapia de cancro que se dirixen de maneira específica ás células nai de cancro, novos péptidos sintéticos para favorecer a entrada de substancias nas células, unha novidosa matriz polimérica para a rexeneración ósea, unha tecnoloxía para a diagnose da artrite reumatoide en fase temperá ou outra para a separación de glucosaminoglicanos sulfatados en mostras biolóxicas que permite a diagnose de forma rápida e económica dalgunhas enfermidades raras ou renais, entre outras.
Monsterrat Camiña e Susana Torrente, da AVTE da USC