O ‘Diálogo sobre o Futuro do Avellentamento’, unha reflexión sobre como envellecer ben

O ‘Diálogo sobre o Futuro do Avellentamento’ profunda dende este luns en Santiago de Compostela nos retos e oportunidades que se derivan do envellecemento. Este foro que se enmarca dentro dos denominados ‘Diálogos sobre o Futuro’, conforma unha iniciativa do Goberno, a Comisión Europea, o Parlamento Europeo e outras 70 institucións públicas, entre concellos, gobernos autonómicos, fundacións e universidades como a USC que queren contribuír a impulsar conversacións plurais, informadas e construtivas sobre as oportunidades e desafíos que traerá o mundo despois da COVID-19.
No marco deste foro, o reitor Antonio López tomou parte nunha reunión de traballo sobre o diálogo social do futuro presidida pola vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz. A vicepresidenta subliñou que o “o bo goberno debe basearse na ciencia”, para logo engadir que “vivir máis anos é un signo de civilización”. Nesta xuntanza, tamén estiveron presentes José Miñones, delegado do Goberno en Galicia; María Jesús Lorenzana, conselleira de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia; José Sánchez Bugallo, alcalde do Concello de Santiago de Compostela; entre outros representantes do mundo empresarial e sindical. O reitor tamén tomará parte no acto de clausura do Diálogo o martes 26, a partir das 13.30 horas.
Enriquecer o debate público
Galicia foi o lugar escollido para albergar este foro ao tratarse dunha das comunidades autónomas cunha maior proporción de persoas en idades avanzadas e de poboación centenaria. Este Diálogo no que toma parte a USC, busca enriquecer o debate público sobre o futuro do envellecemento demográfico e ofrecer á cidadanía a posibilidade de participar directamente na conversa sobre como se deberían afrontar os retos e oportunidades que del se derivan.
O evento celébrase en Santiago de Compostela os días 25 e 26 de outubro e pode seguirse en liña a través de YouTube. Entre os relatores figuran altos cargos dos gobernos central e autonómicos, así como numerosas persoas expertas e académicas. Ademais das mesas de debate, haberá dous talleres cidadáns deseñados para escoitar as ideas da poboación, tomar nota delas e incorporalas aos diferentes documentos e estratexias de futuro. No primeiro deles, conversarase sobre como a cidadanía se expón á vellez; mentres que o segundo reflexionará sobre que debe ofrecer un pobo ou cidade para envellecer ben.
Os Diálogos sobre o Futuro teñen lugar entre setembro e decembro do presente ano nas dezasete comunidades autónomas. Inclúen 100 mesas de debate, 37 talleres cidadáns e reunións de alto nivel nas que participarán máis de 500 relatores, entre os que estarán o presidente e as vicepresidentas do Goberno, presidentes e conselleiros autonómicos, ministros, secretarios de estado, altos cargos e expertos da Comisión Europea e do Parlamento europeo, alcaldes, directores executivos, emprendedores, académicos, xornalistas e líderes do terceiro sector e a sociedade civil.
