Skip to main content

Universidades galegas e Goberno central avalían o rol do espazo educativo superior no Plan de Recuperación económica

De esquerda a dereita, Julio Abalde, José Miñones, Antonio López e Manuel Reigosa. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Julio Abalde, José Miñones, Antonio López e Manuel Reigosa. FOTO: Santi Alvite
Nunha xuntanza entre os tres reitores e o delegado José Miñones, Antonio López subliñou a importancia de “ter unha vía de comunicación directa co goberno central”
Santiago de Compostela

Os reitores das tres universidades públicas galegas mantiveron este mércores unha xuntanza co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, na que se reivindicou o rol que estas institucións académicas ocupan no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Neste senso, o reitor da USC, Antonio López, quixo subliñar a importancia do encontro xa que “parécenos moi interesante que poidamos ter unha vía de comunicación directa co Goberno central”. Nesta mesma liña, José Miñones situou as universidades galegas como protagonistas na sociedade do futuro e apostou por elas na recuperación económica. Neste senso, anunciou que dez proxectos de investigación da USC están dotados con 6,4 millóns de euros para a súa execución por parte do Ministerio de Ciencia, dentro dos 12,3 millóns destinados neste ámbito á universidade en Galicia.

O delegado defendeu a aposta do Goberno pola universidade e a investigación. Dous conceptos que unen as tres institucións galegas. “A nosa universidade pública é un enorme valor para Galicia. Temos que coidalo e enraizalo no noso tecido social e económico”, matizou. Ademais de Antonio López, no acto tamén tomaron parte o reitor da UDC, Julio Abalde; e o da UVigo, Manuel Reigosa.

Novos retos

Cífrase en 126,4 millóns de euros o investimento do Executivo no último ano no espazo educativo superior de Galicia, dos que 60,4 millóns son transferencias directas para investigación ou outros asuntos universitarios, mentres que 66 millóns van parar ás bolsas de estudos correspondentes ao último curso académico para máis de 21.000 alumnas e alumnos. Na xuntanza, tamén se presentou a convocatoria de 885 achegas para formación do profesorado universitario en España. Con 84,5 millóns de euros, esta liña está orientada a futuros profesores que percibirán ata 1.600 euros ao mes ao longo de catro anos.

Outro dos asuntos abordados foi o Programa Campus Rural. Esta iniciativa en fase de construción contempla prácticas universitarias de entre tres e cinco meses con bolsas de 1.000 euros ao mes en concellos de menos de 5.000 habitantes. Na reunión as universidades deixaron patente a súa vontade de sumarse a esta iniciativa.

The contents of this page were updated on 11.24.2021.