Skip to main content

A incubadora de alta tecnoloxía no ámbito biotecnolóxico que liderará a USC recibe 1,89 millóns de euros da Fundación Incyde

A incubadora de alta tecnoloxía no ámbito biotecnolóxico que liderará a USC recibe 1,89 millóns de euros da Fundación Incyde
A incubadora de alta tecnoloxía no ámbito biotecnolóxico que liderará a USC recibe 1,89 millóns de euros da Fundación Incyde
A iniciativa porase en marcha xunto con Uninova e a Cámara de Comercio

A Universidade de Santiago poderá pór en marcha, xunto con Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago, a incubadora BioIncubaTech grazas á axuda de 1,89 millóns de euros que onte lle concedeu a Fundación Incyde e que se suma ao financiamento que achega a Xunta de Galicia –o 20% restante– a través da Axencia Galega de Innovación e co apoio loxístico dos clústeres galegos Bioga, Clusaga e o Clúster da Saúde.

BioIncubaTech é unha incubadora de alta tecnoloxía que ten como obxectivo a incorporación de resultados de investigación ás empresas do sector biotecnolóxico e a microempresas dos sectores da saúde e as tecnoloxías alimentarias. Estará encamiñada á creación de micropemes de base tecnolóxica e de spin offs, á mellora da competitividade do tecido empresarial a través da transferencia de tecnoloxía e ao acompañamento de empresas nos procesos de internacionalización.

Á convocatoria da Fundación Incyde presentáronse tres proxectos, sendo o que lidera a USC o máis valorado e, por iso, tamén con máis financiamento. Na xustificación da concesión tense en conta que o sector da biotecnoloxía é un dos máis innovadores do tecido empresarial galego, e que concretamente Santiago de Compostela “se está consolidando como polo biotecnolóxico de Galicia, con influencia sobre o norte de Portugal”.

Segundo a resolución, BioIncubaTech encaixa “perfectamente” na estratexia de impulso á Biotecnoloxía 2016-2020 que pretende crear en Galicia un biopolo altamente competitivo que se configure como referente do sector, en ámbitos fortemente relacionados coa biotecnoloxía vermella e azul, e promovendo un campus específico en biotecnoloxía verde, o Campus Terra.

A fundación valora ademais que os tres promotores –USC, Cámara de Comercio e incubadora Uninova- presentan unha experiencia e bagaxe previo que os posiciona “de forma moi positiva” para poder alcanzar os obxectivos do proxecto.

The contents of this page were updated on 04.19.2018.