Skip to main content

Aberta a inscrición no IV Encontro de Emprendedoras do Programa Emega ‘Mulleres que transforman Galicia’

Encontro Emega
A iniciativa conxuga formación en materia de emprendemento cunha feira expositiva. FOTO: Santi Alvite
Do luns 13 ao xoves 16 de decembro desenvolverase formación en liña sobre emprendemento mentres que o venres 17 terá lugar a feira expositiva e o encontro presencial
Santiago de Compostela

Promover  o  espírito  emprendedor  e  a  actividade empresarial das mulleres é a meta que persegue o Programa Emega. A cuarta edición do encontro que reúne a  varias  edicións  de  mulleres  beneficiarias  das  axudas  do  programa  e  que emprenderon en diferentes sectores, creando tecido empresarial galego, servirá de inspiración para outras emprendedoras que queiran liderar empresas que se consoliden no tempo. A inscrición para todas as persoas interesadas en tomar parte nesta iniciativa que conxuga formación en materia de emprendemento cunha feira expositiva, pode formalizarse a través desta ligazón.

Do luns 13 ao xoves 16 de decembro, desenvolverase unha formación en liña para emprendedoras; mentres que o venres 17 terá lugar a feira expositiva e o encontro presencial que será inaugurado polo reitor Antonio López e pola conselleira de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana.

Programa Emega
Cartel do evento

Programa

Emprender aprendendo ferramentas de autocoidado, así como manexando ferramentas de xestión empresarial serán os eixos sobre os que pivotará a formación que as persoas inscritas recibirán os días 13 e 14 a través da plataforma zoom. O mércores 15 abordaranse os primeiros  pasos  para  facer  realidade unha Rede Emega ben conectada, mentres que mellorar a venda en liña e a presenza nas redes sociais conformarán os temas centrais da sesión do xoves 16.

A Escola Galega de Administracións Públicas acollerá o venres 17, de 10.00 a 14.00 horas, a feira expositiva que se complementará con diversos relatorios e mesas redondas. Empresas  familiares  que  crean  riqueza  no  rural,  o  cambio xeracional liderado en feminino; ou as galegas  que  emprenden  e  transforman  o  tecido  empresarial  galego dende a perspectiva do valor económico, social e creación de emprego serán algunhas das cuestións a abordar nesta xornada. O evento será retransmitido en directo a través da canle de YouTube de Woman Emprende.

O  programa  Emega,  da  Secretaría  Xeral  da  Igualdade e no que toma parte a USC  dá  apoio  económico  ao  emprendemento  feminino  e  á  consolidación  de  proxectos empresariais  liderados  por  mulleres  como  medio  axeitado  para  a  súa  promoción, participación e progresión no mercado laboral.

The contents of this page were updated on 12.09.2021.