Aberta a inscrición no IV Encontro de Emprendedoras do Programa Emega ‘Mulleres que transforman Galicia’

Promover o espírito emprendedor e a actividade empresarial das mulleres é a meta que persegue o Programa Emega. A cuarta edición do encontro que reúne a varias edicións de mulleres beneficiarias das axudas do programa e que emprenderon en diferentes sectores, creando tecido empresarial galego, servirá de inspiración para outras emprendedoras que queiran liderar empresas que se consoliden no tempo. A inscrición para todas as persoas interesadas en tomar parte nesta iniciativa que conxuga formación en materia de emprendemento cunha feira expositiva, pode formalizarse a través desta ligazón.
Do luns 13 ao xoves 16 de decembro, desenvolverase unha formación en liña para emprendedoras; mentres que o venres 17 terá lugar a feira expositiva e o encontro presencial que será inaugurado polo reitor Antonio López e pola conselleira de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana.

Programa
Emprender aprendendo ferramentas de autocoidado, así como manexando ferramentas de xestión empresarial serán os eixos sobre os que pivotará a formación que as persoas inscritas recibirán os días 13 e 14 a través da plataforma zoom. O mércores 15 abordaranse os primeiros pasos para facer realidade unha Rede Emega ben conectada, mentres que mellorar a venda en liña e a presenza nas redes sociais conformarán os temas centrais da sesión do xoves 16.
A Escola Galega de Administracións Públicas acollerá o venres 17, de 10.00 a 14.00 horas, a feira expositiva que se complementará con diversos relatorios e mesas redondas. Empresas familiares que crean riqueza no rural, o cambio xeracional liderado en feminino; ou as galegas que emprenden e transforman o tecido empresarial galego dende a perspectiva do valor económico, social e creación de emprego serán algunhas das cuestións a abordar nesta xornada. O evento será retransmitido en directo a través da canle de YouTube de Woman Emprende.
O programa Emega, da Secretaría Xeral da Igualdade e no que toma parte a USC dá apoio económico ao emprendemento feminino e á consolidación de proxectos empresariais liderados por mulleres como medio axeitado para a súa promoción, participación e progresión no mercado laboral.